O Xabarín da TVG anima os 120 equipos de toda Galicia que participaron no Torneo de Fútbol Base de Boiro - CSAG
O Xabarín da TVG anima os 120 equipos de toda Galicia que participaron no Torneo de Fútbol Base de Boiro
A mascota da Galega foi protagonista ao longo das 4 xornadas dunha competición que xuntou máis de 5.000 persoas
A Escola de Fútbol Municipal de Boiro recibiu o carné de Socio de Honra do Club do Xabarín, nunha última xornada deportiva chea de emoción

Santiago, 14.06.2026- A Televisión de Galicia tivo na súa mascota Xabarín o seu perfecto embaixador no “Torneo de Fútbol Base Abanqueiro S.D. - Trofeo Concello de Boiro”, competición en que participaron 120 equipos de toda Galicia e que congregou nos Campos de Vista Alegre máis de 5.000 persoas ao longo das dúas últimas fins de semana.
O torneo, que xa vai pola súa 17ª edición e que se converteu no gran referente do fútbol base galego, contou con finais para todas as categorías infantís de entre 5 e 11 anos: biberón, prebenxamín, benxamín e alevín, sendo a gran novidade deste ano a estrea da final alevín feminina.
O Xabarín foi protagonista nas dúas fins de semana de competición, pero especialmente na última xornada, disputada o domingo 14 de xuño, e na que a mascota da Galega lle entregou un carné xigante de Socio de Honra do Club Xabarín á Escola de Fútbol Municipal de Boiro, organizadora do torneo.
Ao longo das 4 xornadas de competición, a megafonía dos Campos de Vista Alegre non cesou de repetir a mítica frase “Hai alguén aí?... Non vos oio!”, coa que o Xabarín animou as máis de 5.000 persoas que pasaron por Boiro. Ademais, os 120 equipos participantes non dubidaron en gravar o momento posando para as súas fotos oficiais do torneo diante dun photocall en que a mascota da Galega convidaba a todos a formar parte da súa plataforma dixital Xabarín.gal
