O Xabarín da TVG, co grande evento de fútbol inclusivo 'A Nosa Champions' - CSAG
O Xabarín da TVG, co grande evento de fútbol inclusivo 'A Nosa Champions'
Cáseque 250 xogadores con discapacidades e procedentes de toda Galicia disputaron en Vilagarcía a segunda xornada deste torneo de fútbol 7
A mascota do Club da Galega entregoulles carnés xigantes de socios de honra personalizados aos capitáns dos 12 equipos participantes, entre eles, o C.F. Ortigueira Concilia, pratrocinado por Xabarín.gal

Santiago, 09.05.2026.- O Xabarín da Televisión de Galicia desprazouse este sábado, 9 de maio de 2026, ao Campo Municipal de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para participar na segunda xornada de ‘A Nosa Champions’, torneo de fútbol inclusivo organizado pola RFGF e que xa cumpre a súa segunda edición.
Nesta xornada aumentaron significativamente os clubs participantes, competindo ata 12 equipos procedentes de toda Galicia: Eirís S.D., E.F.M. Concello de Boiro, Fundación R.C. Deportivo, F.C. Ortigueira Concilia, Pavillón Ourense F.C., Rácing Club Ferrol, Rácing Club Vilalbés, dous equipos do R.C. Celta Integra Zelnova, S.R. Calo, Torre S.D. e Vilagarcía S.D. Cada equipo achegou entre 14 e 22 xogadores para este torneo, xuntando un total de cáseque 250 futbolistas galegos.
A mascota do Club da Galega animou todos os clubs e tamén especialmente o debutante F.C. Ortigueira Integra, que estreou patrocinio de Xabarín.gal Ao longo de toda a xornada, o Campo de Berdón foi celebrando continuamente tres partidos simultáneos, disputados na modalidade de fútbol 7 e en formato liguiña, ata completar todos os enfrontamentos posibles entre os clubs participantes.
Finalmente, todos os xogadores acadaron medalla e, ademais, os capitáns recibiron de mans do Xabarín un carné xigante personalizado para cada equipo, que os acredita desde agora como novos socios de honra do Club da Galega. ‘A Nosa Champions’ continuará o vindeiro 16 de maio coa súa terceira xornada, que se disputará en Calo e Ortigueira, promovendo a inclusión, a integración e a participación de persoas con discapacidade intelectual ou funcional na práctica deportiva do fútbol.
