O Xetafe-Celta protagoniza o ‘Galicia en goles’ do sábado, na Radio Galega e AGalegaAudio.gal - CRTVG
O Xetafe-Celta protagoniza o ‘Galicia en goles’ do sábado, na Radio Galega e AGalegaAudio.gal
Zaragoza-Deportivo, partido destacado na tarde do domingo

Santiago, 22.05.2025.- A temporada toca a súa fin e o ‘Galicia en goles’ prepara unha programación intensa para esta xornada. O venres, ás oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición da fin de semana, con atención especial ao Palencia-Obradoiro de ascenso á Liga ACB e a celebración do Concello da Coruña polos 25 anos da Liga do Deportivo.
O sábado, desde as dúas e media da tarde, Xoán Galán pon en marcha un programa que podería prolongarse ata a madrugada se todo vai ben para o Celta de Vigo, que xoga ante o Xetafe acceder ás competicións europeas do curso 25-26. A derrota ante o Raio Vallecano en Balaídos complicou o pase, pero o equipo olívico segue dependendo de si e mesmo con repetir o que fagan os seus rivais directos chegaría para entrar na Europa League. A Radio Galega contará cun equipo de enviados especiais ao Coliseo, ademais de dispoñer un reporteiro que irá percorrendo os principais locais de Vigo onde se concentrarán centos de afeccionados. Si todo vai ben, o ‘Galicia en goles’ chegará ata a unha da mañá coa festa na praza de América.
Antes do decisivo Xetafe-Celta, a Primeira RFEF estará presente coa xornada unificada a partir das sete da tarde. O Lugo depende de si para asegurar a permanencia matemática, pero debe gañar en Amorebieta. Por si fose necesario, o Ourense podería axudarlle en Pamplona ante o filial de Osasuna. Mentres, o Arenteiro aínda perdendo en Tarragona é difícil que perda a categoría e o Celta Fortuna xoga en Zubieta ante a filial da Real Sociedad co único obxectivo de rematar na sexta praza.
Durante a tarde tamén haberá conexións coa festa das peñas do Deportivo en Riazor, o Albacete-Rácing de Ferrol de Segunda División, o torneo de fútbol base na Pobra e o campionato galego de ciclismo paralímpico desde Friol. Ademais haberá información cada quince minutos do polideportivo, co descendido Básquet Coruña visitando ao Murcia e con Noia, Burela e Parrulo Ferrol decidindo o futuro no fútbol sala nacional.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto con cobertura ao Estradense-Noia de ascenso á Segunda RFEF, xunto á semifinal de balonmán Guardés-Elche e o remate do campionato galego de ciclismo paralímpico en Friol. A partir das dúas e media, a atención estará posta na Romareda, onde o Deportivo visita ao histórico Real Zaragoza que está pelexando pola permanencia e necesita a vitoria para non depender do Eldense. O Breogán-Gran Canaria, da Liga ACB de baloncesto, o Palencia-Obradoiro de ascenso e o enfrontamento de fútbol entre a Sarriana e o Vilalbés completan a oferta de retransmisións da tarde.
A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao contraataque’ tomarán o mando para analizar todo o sucedido cos nosos equipos durante a fin de semana e ofrecer ademais as entrevistas cos principais protagonistas da fase de ascenso de Terceira á Segunda RFEF.
Audio da Radio Galega nas televisións
Esta xornada os partidos televisados que ofrecerán a narración da Radio Galega nas opcións de audio son os seguintes: Xetafe-Celta, Zaragoza-Deportivo e Breogán-Gran Canaria.