O xinete de 'Domar o vento' chega hoxe ata Cepedelo, o núcleo habitado máis alto de Galicia - CSAG
O xinete de 'Domar o vento' chega hoxe ata Cepedelo, o núcleo habitado máis alto de Galicia
Tras unha noite complicada, Adrián Martíns chega a Pradoalbar, onde convive cos veciños e descobre a vida nunha das aldeas galegas máis illadas

Santiago, 7.7.2026.- Segunda entrega de ‘Domar o vento’ (22:15 h), a nova serie documental de aventuras da TVG, que convida a descubrir a Galicia máis auténtica da man do viaxeiro Adrián Martíns. O xinete emprende as diferentes travesías a cabalo sen tecnoloxía nin cartos, vivindo do que o camiño lle ofrece.
Este martes, tras unha noite complicada, Adrián chega a Pradoalbar. Alí convive cos veciños e descobre a vida nunha das aldeas máis illadas. No camiño coñece a Benigno, apicultor e coleccionista, antes de afrontar a subida final ata Cepedelo, o núcleo habitado máis alto de Galicia.
Con paisaxes espectaculares, historias inspiradoras e unha filosofía baseada na confianza, na curiosidade e no contacto humano, ‘Domar o vento’ convida a redescubrir Galicia ao ritmo dos seus cabalos de Pura Raza Galega, Farruco e Grelo e das persoas que a habitan.
