div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os afeccionados xantarán acompañados do ‘Galicia en goles’ para escoitar os partidos Alavés-Celta e Deportivo-Ceuta

Horario das dúas da tarde en Mendizorroza e Riazor

csag.gal 21/11/2025 10:30

Santiago, 20.11.2025.- Esta fin de semana os afeccionados galegos vivirán a experiencia de escoitar os partidos dos seus equipos favoritos no horario do xantar. O sábado, o ‘Galicia en goles’ adianta o comezo ás dúas menos cuarto da tarde para contar desde Mendizorroza o Alavés-Celta, no regreso da Primeira División tras o paro pola ventá de seleccións. Os dous equipos están separados por dous puntos na clasificación e o obxectivo olívico é puntuar para manter a diferenza respecto á zona de descenso.

Ao remate de Vitoria chegará desde o Anxo Carro o derbi de históricos na Primeira RFEF entre o Lugo e o Pontevedra. A cita servirá ademais para celebrar os corenta anos do nacemento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, coa presenza do Xabarín, que acompañará a mascota local Nabic para agasallar os máis cativos que acudan ao estadio. E xa a media tarde chegará o enfrontamento de veciños no Espiñedo, entre o Arenteiro que estrea adestrador e un recuperado Ourense C. F. Pola noite, o baloncesto tomará o mando no Pazo de Lugo coa retransmisión do Breogán-San Pablo Burgos. Tras gañar en Murcia, o cadro galego avantaxa xa en dúas vitorias o rival desta xornada, un dos dous equipos situados en zona de descenso á Primeira Federación.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce co Celta Fortuna-Ponferradina desde Balaídos, xunto ao Obradoiro-Mallorca no Multiúsos Fontes do Sar e o Ensino Lugo-Jairis no Pazo de Lugo. A partir das dúas menos cuarto, Riazor será o punto principal do directo co Deportivo-Ceuta. O cadro coruñés recuperou o liderado tras vencer en Córdoba e sumar nove puntos de xeito consecutivo. O Barakaldo-Rácing de Ferrol, de Primeira RFEF, e o derbi de Segunda RFEF entre a Unión Deportiva Ourense e o Bergantiños completarán a oferta das retransmisións. Durante a tarde, o ‘Galicia en goles’ tamén atenderá ao baloncesto no pavillón da Malata, onde o Baxi Ferrol recibe o Euskotren.                                                                                            

#GaliciaEnXogo

O domingo pola noite é o día que a Radio Galega reserva para o proxecto que leva o cancelo GaliciaEnXogo. Ás once da noite, o motor da man de Rodrigo Pérez dedicará media hora a actualizar todo o que se mova arredor do mundo dos rallys. A partir das once e media, Toni López seguirá o ciclo de entrevistas cos deportistas que aspiran a competir dentro de tres anos nos Xogos dos Ánxeles.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade