div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os concursantes de 'Bailamos' reciben esta noite a visita de Mondra, nunha gala marcada polas contas pendentes, as críticas e o ego sobre a pista de baile

As emocións sairán á luz na academia, e os espectadores asistirán ao inesperado baixón anímico dunha das participantes no reality da TVG

csag.gal 07/03/2026 02:00

Santiago, 07.03.2026.-    A TVG ofrece este sábado unha nova entrega de ‘Bailamos’ (22:00 h), o talent show presentado por Arturo Fernández, que continúa medrando en intensidade e nivel artístico. Será unha gala en que o xurado chegará ao límite da esixencia e en que a tensión se palpará desde o primeiro momento. Poty protagonizará un duro toque de atención aos participantes: ten algo moi importante que dicirlles e farao enfadado, nunha noite en que o tribunal amosará a súa cara máis firme e implacable. 

Na academia, os concursantes recibirán a visita de Mondra, referente do novo folk galego, que compartirá reflexións sobre a música de raíz, a tradición das pandeireteiras e a importancia de vivir a experiencia sen medo ás críticas. Pero haberá máis sorpresas: Daniela Blasco fará chegar unha mensaxe moi especial a Paulo e Uxía, que esta semana defenden na pista o seu tema ‘Uh nana’. 

O ambiente estará marcado polas contas pendentes da semana pasada. As valoracións aínda pesan, e Paulo reencontrarase con Jaime Pablo Díaz tras o seu enfrontamento. Hai tensión no aire e o xurado deixará clara a súa postura: menos comparacións e máis evolución persoal. Cando o ego entra en xogo, todo pode pasar. 

Durante a semana, os ensaios irán moito máis alá de aprender unha coreografía. Os concursantes traballarán dinámicas de confianza, conexión e interpretación, porque en ‘Bailamos’ non abonda con executar pasos: hai que acompañar a parella, transmitir emoción e defender cada movemento sobre o escenario. Nese camiño tamén haberá momentos delicados: Loli, a veterana do Grove, derrubarase co seu mestre. Que hai detrás desas bágoas? 

No apartado artístico, os retos soben de nivel. Os concursantes enfrontaranse aos distintos estilos e os espectadores verán a Hemellyn debutando no pasodobre. Conseguirá facelo seu e convencer ao xurado? Co público entregado, o apoio das familias e a ruleta decidindo novas parellas e estilos da vindeira gala, a noite avanzará cara a unha decisión complicada: quen se proclamará gañador ou gañadora?

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade