Os espectadores de 'Orgullo de familia' asistirán hoxe á gran voda de Aitana e verán como Loli lle perde medo á auga - CSAG
Os espectadores de 'Orgullo de familia' asistirán hoxe á gran voda de Aitana e verán como Loli lle perde medo á auga
Ademais, descubrirán como se desenvolven os Ventos Romero entre peites e tesoiras

Santiago, 14.10.2026.- Tres familias, tres momentos moi diferentes e unha nova entrega en que os grandes días, os retos persoais e as novas aprendizaxes se viven sempre mellor en familia. Estes son os ingredientes que se combinan esta noite no programa ‘Orgullo de Familia’ (22:45 h).
Nel os espectadores verán como os Jiménez Jiménez viven por fin un dos momentos máis agardados: a gran voda de Aitana. O espazo da TVG acompañará a familia durante a primeira parte deste día tan especial, desde os últimos preparativos e a elección dos vestidos ata a sesión de fotos e os primeiros momentos dunha celebración chea de emoción e tradición.
Pola súa parte, os Jiménez Hernández cambiarán de escenario para afrontar un novo reto: Loli quere perder o medo á auga e, acompañada pola súa familia e coa axuda dun monitor, lánzase á piscina para aprender a nadar e gañar confianza.
Finalmente, os Ventos Romero levarán a audiencia ao seu salón de peiteado, onde descubrirá como avanzan no curso de peiteados, todo o que están aprendendo e como se desenvolven entre peites, tesoiras e secadores.