Os videoxogos, a música urbana e a economía protagonizan os novos podcasts de AGalegaAudio.gal - CRTVG
Os videoxogos, a música urbana e a economía protagonizan os novos podcasts de AGalegaAudio.gal
‘Na fin do xogo’, ‘Polisón’, ‘A mirada económica’ e a segunda temporada de ‘Un ollo de vidro’ amplían o catálogo de contidos en exclusiva da primeira plataforma audiovisual en galego, que fixo un ano en xaneiro
‘Na fin do xogo’ é un podcast que busca profundar nos videoxogos que deixaron pegada xeración tras xeración da man do equipo de Recuncho Gamer
‘Polisón’ é un caderno de notas sonoro especializado en músicas urbanas e de vangarda (electrónica, hip hop, dub, funk, avanzadas), que recolle tanto pezas clásicas como as novidades máis importantes do panorama galego e internacional
‘A mirada económica’ é un podcast que ofrece unha visión clara e accesible da economía

Santiago, 04.01.2025.- Agalegaudio.gal celebra o seu primeiro ano de vida con catro novas estreas en exclusiva: ‘Na fin do xogo’, ‘Polisón’, ‘A mirada económica’ e a segunda temporada de ‘Un ollo de vidro’.
Videoxogos e músicas de vangarda
Super Mario, Tomb Raider, Sonic, Jelly is Hungry ou Xerme serán algúns do videoxogos emblemáticos que cada semana redescubrirá ‘Na fin do xogo’, un podcast comandando polo equipo de Recuncho Gamer que desvelará as historias que hai detrás da creación de cada un deles, mais tamén as historias que hai detrás de persoeiros da cultura e sociedade galega na súa experiencia aos mandos dunha consola.
‘Na fin de xogo’ é un podcast divulgativo que buscar fomentar os videoxogos como un produto cultural así como seguir derrubando mitos e estereotipos a través dun ton desenfadado e accesible para todos os públicos poñendo en valor o traballo dos profesionais galegos neste sector.
Músicas urbanas e de vangarda
A música será o eixo central de ‘Polisón’, un espazo sonoro especializado en músicas como a electrónica, o hip hop, o dub, o funk, etc. no que se recollen tanto pezas clásicas como novidades procedentes das editoras musicais máis importantes do panorama galego e mundial (TruThoughts, Sonar Kollektiv,Brainfeeder, Ninja Tune, Ubiquity, Daptone, Stones Throw, Compost, Lovemonk, Big Dada, BBE).
Máis alá dunha presentación de temas, ‘Polisón’ é toda unha inmersión nestes xéneros a través de monográficos, entrevistas e do rescate de rarezas sonoras ou discográficas, nunha aposta por engadir valor a través do contexto, analizando a incidencia destas músicas no devir de moitos sons da escena actual,desde o trap ao reggaeton.
Economía, clara e accesible
Ofrecer unha visión clara e accesible da economía e o obxectivo de ‘A mirada económica’. Un espazo innovador que busca democratizar o coñecemento económico e achegar os temas financeiros á vida cotiá das persoas. Entre eles, a inflación, o acceso á vivenda, as criptomoedas ou o crecente impacto da intelixencia artificial no mercado laboral, cun debate sobre as oportunidades e riscos desta tecnoloxía. Cun enfoque fresco e dinámico, ‘A mirada económica” quere dar respostas ás preguntas claves que todos nos facemos. Que impacto teñen as decisións económicas nos nosos petos?
Novos capítulos de ‘Un ollo de vidro’
Volve ademais ‘Un ollo de vidro’, o espazo no que se contan os contos de onte e de sempre. Contos que nos fan “ver” coa mente o que os nosos oídos escoitan mentres os ollos non miran. Nesta nova temporada, o noso particular ollo, lévanos a contar as cousas de Tolkien, de Ernest Hemingway, de Castelao ou Bram Stoker, entre outros.
Un ano de AgalegaAudio.gal
AgalegaAudio.gal celebra o seu primeiro ano de vida como a plataforma de referencia da radio en galego na que se atopa toda a programación da Radio Galega así como un amplo abano de podcasts e contidos nativos exclusivos. AgalegaAudio.gal é gratuíta e está a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta. Pódese descargar desde Google Play, Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes (dispoñible para descargar en versión iOS e Android).