Ourense C. F.-Rácing de Ferrol, o sábado pola tarde na segunda canle da TVG - CSAG
Ourense C. F.-Rácing de Ferrol, o sábado pola tarde na segunda canle da TVG
Deportivo Abanca-Barcelona, o domingo ao mediodía desde Riazor

Santiago, 13.3.2026.- As retransmisións deportivas da Televisión de Galicia na fin de semana van estar centradas no fútbol coas competicións da Primeira RFEF, Segunda RFEF e a Primeira Feminina. O sábado, ás catro e cuarto da tarde, os espectadores da G2 poderán seguir o derbi galego entre o Ourense C. F. e o Rácing de Ferrol. É un partido de urxencias para os dous equipos, xa que os locais necesitan gañar para non afundirse na zona de descenso e os visitantes precisan os tres puntos para entrar nos postos de fase de ascenso.
O domingo, ás doce do mediodía, o Deportivo Abanca recibe en Riazor o mellor equipo da liga española, o F. C. Barcelona. A cita chega tras o paro polos compromisos internacionais das seleccións e co conxunto coruñés comodamente clasificado na zona media da Primeira F. As xogadoras culés lideran con solvencia o campionato, sácanlle dez puntos ao Real Madrid, o segundo clasificado. Así e todo so puideron empatar o xoves no campo do Badalona a cero goles no partido de ida das semifinais da Copa da Raíña.
AGalega.gal
O sábado volve o fútbol gaélico aos medios públicos galegos. A partir das cinco e cuarto da tarde, a plataforma AGalega.gal emitirá as finais da Celtic Cup. Un total de trece equipos toman parte neste torneo, oito no cadro masculino e cinco no feminino.
Pola súa parte, o domingo, os protagonistas serán os equipos galegos da Segunda RFEF desde as cinco da tarde. O Bergantiños recibe nas Eiroas o Lealtad de Villaviciosa co obxectivo de sumar unha nova vitoria que o manteña nos postos cómodos do grupo primeiro. Mentres, a Sarriana enfrontarase ao Salamanca na Ribela coa obriga de ir a polo triunfo que lle permita manter opcións de permanecer na categoría.
‘En xogo’
Os equipos profesionais do fútbol galego teñen xornada esta fin de semana fora da casa. Cando deixe de rodar o balón, contra as dez e media da noite do domingo, Gustavo Varela pon en marcha o histórico ‘En xogo’, en que os seareiros dos dous equipos punteiros de Galicia poderán ver os resumos máis completos dos partidos Betis-Celta, na Primeira División, e Ceuta-Deportivo, na Segunda División. Ademais, o programa ofrecerá todos os goles dos nosos conxuntos na Primeira, Segunda e Terceira Federación.
Deportes nos telexornais
Os telexornais ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’ ofrecen na fin de semana amplos espazos de información deportiva. Esta xornada, ademais dos goles das ligas de fútbol, estarán presentes as mellores imaxes do partido de baloncesto Bilbao-Breogán, xunto ás citas de balonmán Cangas-Torrelavega e Guardés-Porriño. Outro dos argumentos será o Liceo-Noia, da liga de hóckey sobre patíns, a unha semana de que se dispute a fase final da Copa do Rei.