Paul Thin, La Pelopony e Miss Vaca Coruña farán vibrar 'Luar' este venres - CRTVG
Paul Thin, La Pelopony e Miss Vaca Coruña farán vibrar 'Luar' este venres
Rubia e Redonda disputan a semifinal coruñesa, co apoio de Lucía Regueiro e Marcos Pereiro, nunha noite tamén chea de música e humor

Santiago, 13.6.2025.- ‘Luar’ (21:50 h) continúa esta noite sendo o escenario das semifinais de Miss Vaca 2025, o certame da televisión galega que pon en valor a fermosura do noso gando. Logo das semifinais dedicadas ás provincias de Lugo -onde se impuxo Linda- e Pontevedra -con Boneca acadando un espectacular 76 % dos votos-, este venres chega a quenda da provincia da Coruña.
As protagonistas da noite serán Rubia, amadriñada pola actriz e presentadora Lucía Regueiro, e Redonda, que conta co apoio do humorista Marcos Pereiro como padriño. Ambas loitarán polo pase á gran final deste concurso que, semana tras semana, mantén á audiencia enganchada.
O apartado musical estará encabezado polo andaluz Paul Thin, artista revelación da última edición de Operación Triunfo, que presentará o seu tema ‘Vértigo’. Tamén subirá ao escenario La Pelopony, quen interpretará o seu novo sinxelo ‘Chamán’, e a festa continuará coa Orquestra Triunfo. Completan o cartel da noite o grupo folk coruñés Breo, con ‘Canto raibas’, e os tradicionais Arume de Caión e as Pandeireteiras Lucerniñas, que achegarán os sons máis auténticos da nosa terra.
No concurso ‘Vai de baile’, medirán calidades artísticas as parellas Lumieira e Maloserá, e en ‘Recantos’ competirán Brian Cameselle, representante de Vigo, e José Carballido, procedentes da comarca de Noia-O Barbanza. O toque de humor correrá a cargo da incombustible Sra. de Palmírez, que volverá sorprender coas súas ocorrencias.