Pili e o seu 'slow style' retan o equipo de 'Galicia bonita' na reforma dunha casa no Pazo-Guitiriz - CSAG
Pili e o seu 'slow style' retan o equipo de 'Galicia bonita' na reforma dunha casa no Pazo-Guitiriz
O programa (21:45 h) ofrecerá tamén esta noite outra transformación en Oza-Cesuras, cunha vivenda chea de construcións amoreadas que precisan unha segunda vida

Santiago, 15.10.2025.- O espírito vital e despreocupado de Pili marca o ritmo da nova entrega de ‘Galicia bonita’ (21:45 h), que este mércores chega cunha dobre cita na Televisión de Galicia. A primeira parada será no Pazo-Guitiriz, onde o equipo de reformas terá que adaptarse ao ‘slow style’ da propietaria e afrontar unha remodelación sinxela pero chea de pequenos desafíos.
A arquitecta Rosa Facal intentará motivar un grupo de traballo contaxiado pola calma de Pili, mentres acometen tarefas de pintado e carpintería nunha vivenda tradicional chea de encanto. A casa e o pendello serán pintados por completo, cambiarase unha porta, limparanse as escaleiras, mellorarase o peche e reformaranse tanto o soportal como o mobiliario e o xardín, para darlle un novo aire sen perder a súa personalidade rural.
Na segunda parte da noite, ‘Galicia bonita’ trasladarase ao concello de Oza-Cesuras para outra transformación singular: unha vivenda composta por varias construcións amoreadas e en semirruínas. Alí, Rosa e os seus fieis axudantes coñecerán a Marcos, un electricista ben intencionado pero algo despistado, e a súa familia, que só poñen unha condición para a obra: respectar a leira que tanto lles custou amañar. O equipo terá que tirar pendellos, levantar un soportal, pintar a casa, arranxar a zona do pozo e acometer diversos traballos de carpintería para devolverlle a harmonía á propiedade.
