Pili Pampín, Noelia Rey e os grupos de baile Lil Kids e Rk, convidados nunha terceira gala de 'Bailamos' de gran nivel e chea de emocións - CSAG
Pili Pampín, Noelia Rey e os grupos de baile Lil Kids e Rk, convidados nunha terceira gala de 'Bailamos' de gran nivel e chea de emocións
A competición continúa avanzando e os concursantes afrontarán novos retos que porán a proba a súa versatilidade, como o de Juanogy, que se converterá en David Bisbal coa categoría ‘Playback’

Santiago, 12.09.2026.- No programa desta semana de ‘Bailamos’ (22:20 h), a competición continuará subindo o nivel e as emocións volverán ser protagonistas. A gala abrirá coa visita de Pili Pampín, que chegará acompañada das súas fillas Flavia e Ximena para cantar ‘Cousiñas xustas’, o tema que está arrasando este verán. Pili, que leva toda unha vida facendo bailar a Galicia, quedará ademais durante a gala xunto ao xurado. E a música galega volverá soar ao final do programa coa súa actuación.
O baile tamén terá unha importante representación de Ferrolterra coa visita de Lil Kids e RK, dous grupos que acumulan numerosos premios. A súa actuación provocará un momento especialmente emotivo: Jaime Pablo chegará a emocionarse ao recoñecer nun dos rapaces a ilusión de quen sempre soñou con converterse nun gran bailarín. Unha escena que amosará unha faceta pouco habitual do xurado e lembrará que detrás de cada coreografía hai tamén moitas historias persoais.
No plano competitivo, Juanogy terá que afrontar un dos retos máis complicados: meterse na pel de David Bisbal na categoría ‘Playback’. Conseguirá reproducir os seus xiros e as súas características patadas? Poty, que xa traballara con Bisbal nos seus tempos en ‘OT’, non poderá resistirse a saír á pista para ensinarlle como facelo.
Na categoría ‘Celebrity’, Noelia Rey regresará a ‘Bailamos’ para bailar con Mauro. A exconcursante volverá compartir pista e poderá comprobar de primeira man o tremendo nivel dos concursantes. Será capaz Mauro de sorprendela?
A competición continúa avanzando e os concursantes afrontarán novos retos que porán a proba a súa versatilidade. O nivel aumenta gala tras gala e cada vez son máis importantes os pequenos detalles: a técnica, a interpretación, a conexión coa parella e a capacidade para defender estilos moi diferentes. A terceira gala volverá demostrar que ‘Bailamos’ é moito máis que unha competición. É tamén aprendizaxe, esforzo, ilusión e emoción, con concursantes que pouco a pouco permiten coñecer as súas historias e todo o que hai detrás de cada baile. Quen conseguirá marcar a diferenza neste programa?
