Rácing de Ferrol-Barakaldo e Almería-Celta Fortuna, esta fin de semana na primeira canle da TVG e en AGalega.gal - CSAG
Rácing de Ferrol-Barakaldo e Almería-Celta Fortuna, esta fin de semana na primeira canle da TVG e en AGalega.gal
A G2 continúa emitindo os partidos do Breogán na previa da Champions de baloncesto
Ademais, os medios públicos galegos ofrecerán o remate da Liga Eusko Label de traiñeiras e o peche de temporada do Mundial de Motocrós en Australia

Santiago, 18.09.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia despregará o sábado e o domingo unha ampla cobertura repartida pola TVG, a G2 e AGalega.gal, con fútbol profesional e de Primeira RFEF, as eliminatorias finais da previa da Champions de baloncesto, o remate da Liga Eusko Label de traiñeiras e o peche de temporada do Mundial de Motocrós en Australia.
O sábado, ás 16:30 h e coa presenza das cámaras da TVG e AGalega.gal, o Rácing de Ferrol recibe o Barakaldo con optimismo tras derrotar o pasado domingo o Real Unión de Irún. A Segunda RFEF tamén estará presente na plataforma AGalega.gal coa cita do Couto, entre o Ourense C. F. e o Éibar B.
O baloncesto continúa tendo protagonismo esta semana na programación deportiva da segunda canle da TVG e na plataforma. O sábado, a partir das 17:00 h, os seareiros do Breogán poderán seguir en directo a semifinal da previa da Basketball Champions League que disputa o equipo de Lugo ante o Varsovia de Polonia.
Mentres, AGalega.gal estará desde as 17:15 h en Bermeo co play-off de ascenso e a permanencia en xogo na Liga Eusko Label, que repartirá dúas prazas para a máxima categoría da Liga ACT de traiñeiras. Participan tres tripulacións galegas, Ares, Cabo da Cruz e Tirán, xunto coas vascas Deusto e Zarautz.
As traiñeiras decidiranse na xornada do domingo ás 11:20 h coa Bandeira de Portugalete. Logo, a G2 conectará con Darwin para a última cita do Mundial de Motocrós, que volve por segundo ano consecutivo a Australia despois de 24 anos de ausencia. O neerlandés Jeffrey Herlings chega á proba co título mundial de MXGP no peto.
Ás 18:30 h, a primeira canle da TVG acompañará o filial do Celta a Almería, nunha xornada chamada a medir o seu momento real tras o correctivo encaixado a semana pasada. O Fortuna foi goleado polo Éibar por 0-4 en Balaídos, pero a domicilio mantén a condición de invicto tras empatar en Cádiz e gañar en Ceuta.
Outra das citas dominicais será desde o Vero Boquete na plataforma AGalega.gal, para seguir en directo o encontro da Segunda RFEF entre o Compostela e o Sestao, a partir das 17:00 h. O equipo santiagués non acaba de adaptarse á nova categoría, con só un punto sumado en dúas xornadas.
Por último, se o Breogán é quen de gañar a cita do sábado, a G2 e AGalega.gal retransmitirán ás 19:30 h desde Bulgaria a final da previa da Champions de baloncesto, en que está en xogo unha praza para a fase de grupos que comezará no mes de outubro.
En Xogo
Os espectadores da primeira canle da TVG poderán ver os resumos dos partidos dos seus equipos preferidos nas diferentes edicións do programa ‘En Xogo’. Así, o sábado, ás 21:30 h, os seareiros do Celta terán ocasión de gozar coas mellores xogadas do encontro ante o Rácing de Santander e o domingo, tamén ás 21:30 h, chegarán as imaxes máis destacadas do Deportivo-Betis. A partir das 22:30 h, Gustavo Varela abrirá na G2 o tempo de opinión con Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos, ademais de repasar todo o sucedido nas principais categorías do fútbol español.