div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Radio Galega Música estrea etapa e reforza a aposta polo novo talento galego

24 horas ao día de música sen publicidade e adaptada aos diferentes ritmos da xornada

As voces, bandas e proxectos que están a definir o presente musical de Galicia gañan peso na selección diaria da emisora 

E regresan programas temáticos de referencia como ‘Raizame’, ‘O lobo urbano’, ‘Cara B’, ‘Saúde e rock & roll’, ‘Ondas indies’, ‘Tres peixes voando’, ‘Lume na palleira’ e ‘De lá para cá’
 

csag.gal 13/09/2026 18:00

Santiago, 14.09.2026.-  Radio Galega Música renova este luns 14 de setembro a súa proposta sonora, situando máis firmemente a puxante escena galega actual no centro da súa programación. As voces, bandas e proxectos que están a definir o presente musical de Galicia gañan peso na selección diaria da emisora e convivirán cunha escolma de grandes cancións e artistas de distintas épocas. A proposta busca ofrecer unha identidade recoñecible, próxima e conectada coa audiencia galega.

A radiofórmula continuará acompañando os oíntes durante as 24 horas do día e sen publicidade, cunha programación adaptada aos diferentes momentos da xornada: música para espertar nas primeiras horas, unha selección pensada para o tempo de traballo, unha fórmula máis pausada na sobremesa, música para a volta á casa e unha proposta de descanso durante a madrugada.

Novas noites temáticas e programas de referencia

Ás 22:00 h, as noites de luns a venres manterán a súa aposta polos programas musicais de autor. Os luns, Óscar Losada seguirá á fronte de ‘Raizame’, un espazo aberto ás músicas de raíz, á lusofonía e á creatividade sonora internacional. Os martes, Charly Domínguez regresará con ‘O lobo urbano’ e a súa selección arredor da cultura rock. Os mércores, Manuel de Lorenzo continuará descubrindo en ‘Cara B’ as historias, curiosidades e cancións que se agochan detrás da historia da música.

Os xoves, ‘Ondas indies’ suma unha nova temporada con Marcos Vázquez ao micro. O programa seguirá atento aos novos lanzamentos, concertos, festivais e artistas da escena independente. ‘Saúde e rock and roll’, presentado por Ricardo Alonso, aséntase nas noites dos venres como a cita coa música e coa cultura do rock para abrir a fin de semana.

A fin de semana conservará dous dos grandes espazos de referencia da emisora. Os domingos, ás 15:00 h, Xabier Díaz e Guillerme Fernández volverán con ‘Tres peixes voando’, unha fiestra ás músicas do mundo. Desde as 17:00 h, Emilio Españadero retomará ‘Lume na palleira’, programa especializado na música folk e tradicional galega, atento tamén ás propostas chegadas doutros territorios. Tamén os domingos, ás 22:00 h, MJ Pérez estreitará de novo os lazos musicais co país veciño en ‘De lá para cá’, un percorrido pola música portuguesa actual no que conviven artistas consolidados, proxectos independentes, fado, tradición e novas colaboracións.

Unha emisora máis próxima á creación galega, tamén en AGalegaAudio.gal

Todos os programas estarán dispoñibles en AGalegaAudio.gal, onde a audiencia poderá recuperar os espazos temáticos e escoitalos cando queira. A oferta complétase con Son Galicia Radio, dedicada as 24 horas á música de artistas galegos en galego, e Radio Picariña, a canle musical infantil e xuvenil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade