Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG - CRTVG
Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG
A Xunta Electoral Provincial da Coruña desestima as reclamacións do BNG e Vox contra o Plan de Cobertura da Corporación
Santiago, 04.07.2023.- A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu traslado, na mañá do martes 4 de xullo, de senllos acordos sobre os recursos presentados contra o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo.
Ante o recurso do BNG, a Xunta Electoral Provincial da Coruña estima as alegacións feitas pola CRTVG na súa totalidade e acorda “rexeitar a reclamación formulada” polo BNG, xa que non existe “vulneración dos principios recollidos no art. 66 da LOREG“, conclúe o texto.
Con respecto á reclamación de Vox, a Xunta Electoral Provincial da Coruña acorda tamén “desestimar a reclamación” que versaba sobre a pretensión de participación desta formación nos debates e entrevistas electorais, e acadar máis tempo de cobertura.
A CRTVG, a data de hoxe, non recibiu ningún recurso máis contra o Plan de Cobertura Electoral de cara ás eleccións xerais.
Nas pasadas eleccións municipais do 28-M, tanto a Xunta Electoral Provincial como a Xunta Electoral Central resolveron a favor da Corporación todos os recursos presentados polas diferentes formacións políticas.