Semana de fútbol na Radio Galega e AGalegaAudio.gal coa Liga de Primeira e os oitavos de final da Copa do Rei - CSAG
Semana de fútbol na Radio Galega e AGalegaAudio.gal coa Liga de Primeira e os oitavos de final da Copa do Rei
O luns, Sevilla-Celta desde o Sánchez Pizjuán; o martes Deportivo-Atlético de Madrid en Riazor

Santiago, 11.1.2026.- A semana comeza con dúas retransmisións de primeiro nivel para o fútbol galego. De aí que o equipo deportivo da Radio Galega prepare cadansúa edición especial de ‘Galicia en goles’ para contar a audiencia todo o que pase antes, durante e despois do xogo.
O luns, ás oito da tarde, Roberto Carlos Carballo pon en marcha a retransmisión do Sevilla-Celta desde o estadio Ramón Sánchez Pizjuán. O equipo de Claudio Giráldez chega á cidade hispalense clasificado na sétima posición, que podería dar dereito a xogar competición europea a próxima temporada. O cadro local, mentres, suma seis puntos menos e ocupa a zona media coa preocupación de que calquera resultado negativo pode achegalo aos postos de descenso.
Víctor López contará os noventa minutos, arroupado nos comentarios polos adestradores Moncho Carnero e José Valtierra. Uxío Caamaño ‘Mr Asubío’ encargarase da análise arbitral e Gonzalo Alonso disporá dun micrófono sen fíos para vivir coas peñas do Celta esta nova xornada da Primeira División. A emisión prolongarase ata as doce da noite para que os oíntes poidan escoitar as roldas de prensa dos dous adestradores e as opinións dos futbolistas máis destacados.
O martes, o estadio de Riazor será o punto de directo durante catro horas de programación, desde as oito da tarde ás doce da noite. O Deportivo da Coruña disputa os oitavos de final da Copa do Rei ante un equipo Champions, o Atlético de Madrid. Os colchoeiros acaban de quedar eliminados na Supercopa polo Real Madrid e nas últimas xornadas quedaron descolgados da pelexa polo título de liga, xa a once puntos do líder, o F. C. Barcelona. O torneo do k.o. semella ser a principal opción este curso para lograr un título, tendo en conta que na Champions o Atlético non está entre os principais favoritos. Así e todo, o conxunto herculino tratará de poñer en valor o feito de xogar na casa, como xa fixo hai unhas semanas na eliminatoria de dezaseisavos de final superando por 1-0 al Real Mallorca.
Javi Torres asumirá a narración da eliminatoria a un único partido, co micrófono sen fíos de Fernando Romero de Paz nos exteriores do estadio e os comentarios do exdianteiro deportivista Xosé Manuel Traba. Unha vez que remate a cita, o equipo da Radio Galega trasladarase á zona de prensa para ofrecer as comparecencias do Cholo Simeone e de Antonio Hidalgo.