Televisión de Galicia convértese na primeira autonómica de España en emitir en Ultra Alta Definición (UHD) - CRTVG
Televisión de Galicia convértese na primeira autonómica de España en emitir en Ultra Alta Definición (UHD)
Hoxe comezan as emisións da TVG en UHD en toda Galicia, segundo anunciou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento
Sánchez Izquierdo volveu explicar que o dominio do galego é un requisito imprescindible para traballar na CRTVG, fronte ás informacións falsas que apuntaron ao contrario

Santiago, 28.03.2025.- Televisión de Galicia comeza a emitir desde este venres en Ultra Alta Definición (UHD) na TDT en toda Galicia, converténdose no primeiro radiodifusor autonómico que emite unha canle destas características en España. Así o anunciou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión de control á CRTVG celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia.
Despois dun período de probas a canle TVG UHD emítese simultaneamente coas xa existentes emisións en Alta Definición (HD) da TDT. A UHD proporciona unha maior calidade visual grazas á aplicación de tecnoloxías avanzadas, como unha resolución de imaxe incrementada 4K ou a implementación da tecnoloxía de alto rango dinámico (HDR) na imaxe, o que mellora o contraste, con cores máis vivas e un maior grao de detalle visual tanto nas tonalidades escuras coma nas máis brillantes. Ademais, a UHD implica unha compresión do sinal de vídeo tipo HEVC de alta eficiencia, cun mellor aproveitamento do espectro radioeléctrico e unha gama de cores ampliada con respecto á HD.
Para beneficiarse da canle TVG UHD en todo o seu conxunto de prestacións, o televisor ou o descodificador de TDT deben ser compatibles con sinais 4K-HDR. Só é preciso resintonizar o dispositivo para recepcionar a nova canle, e non se precisa ningunha modificación nas antenas receptoras nin nos equipos de distribución TDT dos edificios.
Con este novo fito, os medios públicos galegos reforzan o seu perfil na vangarda tecnolóxica e reiteran o seu compromiso coa evolución tecnolóxica e a innovación, ofrecendo á cidadanía galega un servizo de maior calidade.
Na mesma comisión, o director xeral rexeitou unha vez máis as acusacións vertidas sobre a suposta exclusión da lingua galega dos requisitos para traballar na CRTVG e que cualificou esa información como “un dos maiores bulos e, posiblemente tamén dos máis absurdos, que se crearon nos últimos tempos ao redor da Corporación. Basta con ler as bases do Concurso para saber que iso é falso”, apuntou Sánchez Izquierdo.
O director xeral volveu explicar que “a realidade é que todo posto de traballo ofertado na convocatoria do Concurso Oposición da CRTVG ao que fan referencia require, de forma expresa e imprescindible, a acreditación do coñecemento regrado da lingua galega” e fai un chamamento a que desde postos de responsabilidade non se fomenten esta clase de noticias falsas.