Televisión de Galicia leva os telexornais do luns ao paseo do Parrote na Coruña - CSAG
Televisión de Galicia leva os telexornais do luns ao paseo do Parrote na Coruña
‘A tarde’ da Radio Galega emitirase tamén desde un estudio móbil instalado no centro da cidade, moi preto da praza de María Pita
Despregadura especial con motivo da xornada das cabalgatas de Reis Magos, en que os informativos da TVG saen ás rúas da cidade coruñesa

Santiago, 05.01.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) realiza este luns unha despregadura especial con motivo da xornada das Cabalgatas de Reis, unha das citas máis significativas do calendario festivo en Galicia, especialmente para o público infantil e familiar.
Os Telexornais do mediodía e da noite emítense hoxe en directo desde un dos puntos máis céntricos da Coruña, no Parrote, fronte á Porta Real, como parte da aposta da CSAG por levar os informativos á rúa e achegar a información á cidadanía nos grandes eventos de interese social que se viven en vilas e cidades de toda Galicia.
O ‘Telexornal mediodía’ foi presentado por Carlos Amado, mentres que o ‘Telexornal serán’ correrá a cargo de Pablo Muñoz. Emítense desde un estudio móbil de última xeración, concibido para facilitar a mobilidade dos informativos e a súa realización desde diferentes puntos do territorio galego, reforzando un modelo de medios públicos próximos, dinámicos e en contacto directo coa realidade social.
A despregadura complétase coa emisión, desde o mesmo emprazamento, do programa ‘A tarde’ da Radio Galega, presentado por Antón Rebollido, con contidos especiais vinculados ás celebracións de Reis que se desenvolven en toda Galicia. Está prevista a participación de convidados relacionados coa seguridade, a cultura, a creación artística e o ámbito infantil, así como actuacións musicais e espazos divulgativos, nunha proposta pensada para todos os públicos.
No que vai de tempada, desde o pasado mes de setembro, a TVG levou os seus telexornais a distintos puntos do territorio galego, con emisións especiais desde Lugo, A Toxa, Ourense e Tui, coincidindo con acontecementos informativos, culturais e sociais de especial relevancia.
