Televisión de Galicia retransmitirá o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid o 12 de agosto - CSAG
Televisión de Galicia retransmitirá o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid o 12 de agosto
TVG emite toda a pretemporada do equipo coruñés e tamén do Celta de Vigo, en total, 12 partidos, que se poderán vivir en directo entre a primeira canle e a G2
O calendario con todas as retransmisións, pola TVG e G2

Santiago, 10.07.2026.- A Televisión de Galicia retransmitirá o 12 de agosto, ás nove da noite, unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, que este ano ten como protagonistas o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. O equipo herculino aproveitará a cita para presentarse ante a súa afección días antes de debutar ante o Elx no regreso á Primeira División. O Deportivo e o Real Madrid son os clubs máis laureados deste clásico do verán no fútbol español. Entre os dous suman 35 torres das 80 finais disputadas.
Este verán, a TVG adquiriu os dereitos das pretemporadas do Deportivo e do Celta, os dous equipos galegos que oito anos despois volverán coincidir na elite do fútbol profesional español.
Os telespectadores poderán desfrutar dos sete partidos programados polo Deportivo ante o Compostela, Oviedo, Lugo, St Pauli, Fiorentina, Génoa e Real Madrid e dos cinco previstos polo Celta. Os rivais confirmados dos celestes son o Braga, o Spórting de Xixón, o Sassuolo e o Nápoles. O quinto partido, que tamén será retransmitido pola TVG, está pendente de confirmación de rival e datas.
Onde e como ver a pretemporada na TVG e a G2
Á espera da confirmación do quinto partido do Celta, así queda o calendario de pretemporada:
• Os dous primeiros partidos son coincidentes en data e horario. O sábado 18 de xullo a TVG emitirá a partir das 20:30 h a estrea do Celta ante o Braga, e a partir das 20:00 h pola G2 poderase ver o Compostela-Deportivo.
• O día 25 intercámbianse os papeis para o dobre duelo galaico astúr. A partir das 19:30 h pola TVG poderase ver o Oviedo-Deportivo, e pola G2 a partir das 20:00 h o Celta-Sporting de Xixón.
• O mércores 29 de xullo, ás 19:30 h, a TVG ofrecerá o Deportivo–Lugo, que se xogará no estadio da Magdalena, en Vilalba.
• O sábado 1 de agosto, ás 18:30 h, a TVG retransmitirá o encontro entre o St. Pauli e o Deportivo, desde o estadio Millerntor, en Hamburgo.
• O mércores 5 de agosto, ás 20:00 h, será a quenda do Sassuolo-Celta, desde o Ricci Stadium. Un día despois, o xoves 6 de agosto, tamén ás 20:00 h, o Fiorentina-Deportivo, desde o estadio Artemio Franchi, en Florencia. Os dous partidos, pola TVG.
• O sábado 8 de agosto volverán coincidir os compromisos dos dous equipos galegos nun dobre duelo italiano. A partir das 21:00 h, a TVG ofrecerá o encontro entre o R. C. Celta e o Nápoles, que se disputará no estadio Teofolo Patini, e á mesma hora, a G2 retransmitirá o Genoa-Deportivo, desde o estadio Luigi Ferraris.
• A cobertura da pretemporada culminará o mércores 12, ás 21:00 h, coa retransmisión pola TVG do Trofeo Teresa Herrera, onde o Deportivo se vai enfrontar ao Real Madrid.