Tennessee, Pili Pampín e o violinista Paco Montalvo lideran o elenco de 'Luar' nunha noite dedicada aos coleccionistas - CSAG
Tennessee, Pili Pampín e o violinista Paco Montalvo lideran o elenco de 'Luar' nunha noite dedicada aos coleccionistas
O espazo gozará tamén coas propostas musicais de Capitán Sabrosura coa Fanfarria Furruxa, a Orquestra Capitol e Os Xograres de Lemos, amais do humor de Todo Mal e Patricia Vázquez

Santiago, 8.5.2026.- ‘Luar’ (21:40 h) dedica este venres o programa ao mundo dos coleccionistas, nunha noite que contará cun elenco artístico moi variado, encabezado polo grupo Tennessee, formación histórica do pop español que acaba de celebrar os seus 45 anos de traxectoria e que acadou grande popularidade con éxitos como ‘Te vi correr’ e ‘Llueve en mi corazón’. A banda, que leva máis de dous millóns de discos vendidos e supera o milleiro de concertos ao vivo, interpretará precisamente estes dous temas que forman parte da memoria musical de varias xeracións.
A música galega tamén terá unha presenza destacada da man de Pili Pampín, que chegará acompañada das súas fillas para interpretar ‘As cousiñas xustas’ e ‘Canciones’, nun encontro familiar cheo de emoción. A festa continuará co ritmo de Capitán Sabrosura xunto á Fanfarria Furruxa, que traerán ao escenario a peza ‘Moreniña’, mentres que a verbena estará representada pola histórica Orquestra Capitol.
Completarán o apartado musical Os Xograres de Lemos, en cuxo repertorio tradicional destacan os sons das voces, a gaita, a percusión e o acordeón, e o violinista cordobés Paco Montalvo, considerado un dos grandes renovadores do violín flamenco e o músico máis novo do século XXI en debutar como solista no Carnegie Hall de Nova York.
No apartado do humor, o programa contará coas intervencións de Patricia Vázquez e do dúo cómico Todo Mal. Ademais, continuará a emoción do concurso ‘Recantos’, que chega á súa Fase 5 co duelo entre Rocío Souto, representante de Lugo centro, e Uxía, procedente das Terras de Compostela.