Terelu Campos móllase en Ortegal na nova entrega de 'A miña gran cidade: Corazón galego', con Eddy Insua como anfitrión - CSAG
Terelu Campos móllase en Ortegal na nova entrega de 'A miña gran cidade: Corazón galego', con Eddy Insua como anfitrión
Mariscar e servir no bar en Mañón, gozar das gaitas de Ortigueira, aprender das redeiras de Cariño, cociñar un lumbrigante e facer unha queimada, experiencias que a presentadora deberá superar para conquistar o seu carné de corazón galego

Santiago, 8.12.2025.- A TVG viaxa este luns á comarca de Ortegal nunha nova entrega de ‘A miña gran cidade: Corazón Galego’ (22:45 h), coa presentadora Terelu Campos como convidada e o fisterrán Eddy Insua como anfitrión. A malagueña lánzase a vivir varias experiencias entre Mañón, Cariño e Ortigueira co obxectivo de conquistar o seu carné de corazón galego da man “do guapísimo de Gran Hermano”, como lle di ela a Eddy.
A primeira parada é Mañón, na ría do Barqueiro, onde se estrean como mariscadores. Coa mariscadora Cristina como mestra, aprenden a diferenciar as ostras nais das fillas, a golpealas para desprendelas da pedra e a valorar o esforzo que hai detrás de cada ostra apañada.
Da area pasan á lonxa, onde acompañan o marisco ata a venda. O peso do cápacho sorprende os dous famosos, que o levan man a man. Na lonxa explícanlles como se separan as ameixas polo peso e como funciona a poxa, mentres todos coinciden en que Terelu aprende rápido e se mostra próxima e agradecida polo que descobre neste mundo mariñeiro.
A segunda experiencia lévaos á taberna Relojes, en Mañón, territorio sagrado de barra, cuncas e contos. Esther, a rexente da tasca, por suposto, non a deixa escapar sen pasar pola barra: Terelu reparte bandexas e serve viños e tapas de tortilla a unha mesa de xogadores de tute.
A aventura continúa polo Ortegal e desprázanse de Mañón a Ortigueira. A terceira parada é no teatro da Beneficencia, en Ortigueira. Sentan na primeira fila diante dun pano pechado e, cando soa a música e se abre, descóbrese a Escola de Gaitas de Ortigueira, a primeira banda oficial de gaitas de Galicia.
Aínda lle quedan por diante máis probas para gañar definitivamente o seu carné de corazón galego: aprender coas redeiras de Cariño, cociñar un lumbrigante no restaurante Marea ou espantar malos espíritos cunha boa queimada. Se o consegue ou non, verase máis adiante; polo de agora, o que está claro é que en Ortegal deu xa os primeiros pasos serios para galeguizar o seu corazón.