div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Un documental galego sobre Cela e Alberti, a miniserie 'Efémeras' e a webserie de Pedro Brandariz lideran as estreas semanais de AGalega.gal

A plataforma, que tamén suma cinema internacional, achega este luns 19 a webserie de humor ‘Peter Brandon’ 

Intervención do poeta Benjamín Prado en 'Á destra e á sinistra'. Intervención do poeta Benjamín Prado en 'Á destra e á sinistra'.
csag.gal 18/01/2026 16:00

Santiago, 18.1.2026.-   A produción galega e a ficción internacional protagonizan as novas estreas de AGalega.gal esta semana, cun especial protagonismo para o documental galego ‘Á destra e á sinistra’, a miniserie británica da BBC ‘Efémeras’ e a webserie de humor ‘Peter Brandon’, creada e protagonizada por Pedro Brandariz. Estas incorporacións amplían a oferta de ficción, cinema e documental da plataforma, que continúa ofrecendo á audiencia todo o contido da grella da TVG.

Entre estas estreas cómpre salientar o documental galego ‘Á destra e á sinistra’ (mércores 21), que afonda na correspondencia entre Camilo José Cela e Rafael Alberti. A través deste diálogo epistolar entre dous escritores ideoloxicamente afastados, a obra ofrece unha reflexión sobre o contexto literario e social da época e rende homenaxe á literatura como espazo de encontro máis alá das diferenzas.

Outra das propostas recomendadas é a miniserie británica ‘Efémeras’ (venres 23), unha especie de carta de amor ás amizades masculinas e ao que estas significan, realizada pola BBC. Esta produción de dous capítulos, que aborda con sensibilidade e intensidade os límites da amizade, relata a historia real do novelista Andrew O’Hagan, que escribiu o libro homónimo (‘Mayflies’) despois de que seu amigo da infancia morrera aos 51 anos. Os protagonistas desta serie dramática, Tully e Jimmy, amigos de toda a vida, enfróntanse á súa proba máis dura cando Tully, enfermo terminal, decide poñer fin á súa vida en Suíza coa axuda do seu amigo. A situación complícase cando a muller de Tully descobre os seus plans e se opón firmemente á decisión.

A primeira novidade da semana chega o luns 19 coa estrea da webserie ‘Peter Brandon’, de Pedro Brandariz. Nela, o cómico galego, a piques de facer 40 anos, atravesa unha crise persoal e profesional marcada pola falta de ilusión e pola necesidade de conectar cun público máis novo. Co obxectivo de reinventarse, decide crear un novo alter ego, Peter Brandon, co que aspira a redefinir o seu humor e deixar unha nova pegada artística. 

A plataforma AGalega.gal suma, amais, novos títulos do cinema internacional. O martes 20 incorporarase o filme ‘O legado’, un drama ambientado na baía de Arcachón, en que un recoñecido ostricultor sofre un intento de asasinato que o deixa gravemente ferido. As súas tres fillas reúnense ao seu carón nun momento en que o futuro da granxa familiar, L’Héritage, queda no aire. A longametraxe estará dispoñible durante 30 días.

O xoves 22 será a quenda do thriller ‘Conspiración’, protagonizado por Jerry Fletcher, un taxista neoiorquino obsesionado coas teorías conspirativas que parecen condenalo a vivir nun mundo de fantasía. Porén, unha serie de acontecementos inesperados comezan a darlle a razón e, xunto a Alice, unha axudante do fiscal, verase envolto nunha perigosa trama que cuestiona todo o que parecía absurdo. O filme estará dispoñible durante 7 días.

E finalmente, o sábado 24 estrearase o filme ‘Pais e nais’, unha comedia dramática danesa protagonizada por Ulrik e Piv, unha parella que intenta integrarse no grupo de familias da nova escola da súa filla. O que comeza como un intento por encaixar convértese nun retrato incómodo e irónico das dinámicas sociais contemporáneas, cheas de egos, hipocrisía e inseguridades. A película estará dispoñible durante 30 días.

Con estas estreas, AGalega.gal reforza a súa programación semanal cunha oferta diversa e de calidade, sen deixar de ofrecer á audiencia todo o contido habitual da grella da TVG. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade