Vigo acolleu a preestrea de ‘Rondallas’, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo, apoiada pola Televisión de Galicia - CSAG
Vigo acolleu a preestrea de ‘Rondallas’, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo, apoiada pola Televisión de Galicia
A cinta foi presentada nunha gala nos cines Tamberlick, previa á súa chegada ás salas o vindeiro 1 de xaneiro
É unha das producións participadas pola CSAG, no marco do seu programa de apoio ao cine galego

Santiago, 12.12.2025.- Os Cines Tamberlick de Vigo acolleron este xoves a preestrea de ‘Rondallas’, película apoiada pola Televisión de Galicia, que aborda este fenómeno cultural a través dunha comedia vitalista do director Daniel Sánchez Arévalo.
A preestrea reuniu o equipo técnico e artístico da película. O produtor Ramón Campos e o reparto reuníronse de novo neste pase especial para o público galego, ao que tamén acudiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o director de Proxección Social da CSAG, Xaime Arias.
Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas encabezan o reparto 100% galego da que é a sexta película de Sánchez Arévalo, quen asina tamén o guión. Nela traballaron outras coñecidas caras do cine e a televisión, como Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.
A estrea estivo precedida pola actuación da rondalla El Gran Sol, creada ex professo para esta longametraxe con músicos de diferentes agrupacións. ‘Rondallas’ chegará aos cines o día de Ano Novo.
‘Rondallas’, filmada na provincia de Pontevedra
Despois dunha traxedia no mar, a recuperación dunha vella rondalla para competir contra as vilas veciñas preséntase como o estímulo que une toda a vila para saír adiante e recobrar a ilusión. Esta é a historia da película que foi rodada en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra. A Guarda foi o epicentro en 2024 da súa filmación, que se estendeu tamén aos concellos de Baiona, Oia, Tui e Vigo.