Xabarin.gal celebra as Letras Galegas 2026 cunha programación especial que reforza a educación, a lingua e a creatividade infantil - CSAG
Xabarin.gal celebra as Letras Galegas 2026 cunha programación especial que reforza a educación, a lingua e a creatividade infantil
A plataforma estrea desde hoxe contidos que descobren o universo de Begoña Caamaño e doutros referentes da literatura galega
Incluirá novas propostas como ‘Bloques de números’ para os preescolares, divulgación científica con ‘Inventa que inventa’, e novas entregas de ‘Os Bolechas’ coas figuras homenaxeadas das Letras Galegas

Santiago, 6.5.2026.- Xabarin.gal súmase á conmemoración das Letras Galegas 2026 cunha proposta específica orientada ao público infantil, que combina divulgación cultural, aprendizaxe e entretemento en galego. A plataforma incorpora novos contidos que achegan ás novas xeracións as figuras clave da nosa literatura, reforzando así o seu papel como ferramenta de servizo público na promoción da lingua e da cultura galegas.
Neste contexto, estrea novos capítulos da serie ‘Os bolechas. As miñas primeiras Letras’, en que os populares personaxes se converten nos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas para explicar quen foron e por que son referentes culturais. A serie inclúe tamén adaptacións de textos representativos, presentados dun xeito accesible, didáctico e atractivo para o público máis novo.
A celebración arrinca este mércores día 6 co capítulo dedicado a Begoña Caamaño, figura homenaxeada neste 2026, xornalista e escritora. A través dunha das súas historias, en que aparece o personaxe de Morgana, a serie introduce o seu universo creativo ao público infantil. Entre os días 7 e 15 incorporaranse novos episodios dedicados a figuras como Castelao, Xela Arias, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Ramón Cabanillas ou Luísa Villalta.
Ademais, Xabarin.gal continúa ampliando a súa oferta con novas estreas orientadas ao desenvolvemento educativo e creativo da infancia. O venres día 22 chegará á plataforma ‘Bloques de números’, unha produción da BBC dirixida ao público preescolar, en que personaxes que representan números viven aventuras vinculadas a conceptos matemáticos, facilitando a aprendizaxe temperá de forma lúdica e comprensible. O programa foi recoñecido internacionalmente cunha candidatura aos premios BAFTA na categoría de aprendizaxe.
Na última semana do mes estrearase tamén ‘Inventa que inventa’, un programa infantil galego que promove a creatividade e o pensamento crítico a través de inventos realizados por nenos e nenas. Co robot iMigui como fío condutor, cada episodio combina experimentación, divulgación científica e humor, fomentando a curiosidade, a imaxinación e a aprendizaxe activa.
Con esta programación, Xabarin.gal reafirma o seu compromiso coa infancia e co servizo público, ofrecendo contidos de calidade en galego que contribúen á educación, á transmisión de valores e ao coñecemento da cultura propia desde idades temperás.