div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Xetafe-Celta e Cultural Leonesa-Deportivo, protagonistas da fin de semana na Radio Galega

AGalegaAudio.gal retransmite o Granada-Breogán, da Liga ACB

csag.gal 30/01/2026 11:24

Santiago, 30.1.2026.-  As retransmisións deportivas continúan durante a fin de semana na Radio Galega e en AGalegaAudio.gal. O venres, a partir das oito e media do serán, o fútbol da Primeira RFEF é o protagonista co encontro adiantado entre o Arenteiro e o Athlétic B no Espiñedo.

O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, continuará a xornada co Celta Fortuna-Unionistas en Balaídos, o Talavera-Pontevedra no Prado e o Zamora-Rácing de Ferrol no Ruta de la Plata. O fútbol da Segunda División tomará o mando a partir das seis e media, coa visita do Deportivo da Coruña ao Reino de León para medirse á Cultural Leonesa. Tras perder en Riazor fronte ao Rácing de Santander, o cadro herculino está obrigado a gañar para seguir aspirando ao ascenso directo. O rival, mentres, atópase nunha situación incómoda na clasificación, a un só punto do descenso. 

Mentres na FM os afeccionados gozarán do fútbol, a plataforma AGalegaAudio.gal programa para as seis da tarde o encontro da Liga ACB de baloncesto entre o Granada e o Breogán de Lugo. De saída o equipo galego é claro favorito ante un rival que ocupa a última praza da táboa e que só gañou un encontro na primeira volta.

O domingo, a sesión matinal principia ás doce do mediodía co estadio de Riazor como principal punto de directo. Alí, o Deportivo da Coruña feminino recibe un dos mellores equipos da Primeira F, o Real Madrid. Mentres, o Ourense xoga en Getxo ante o Arenas na Primeira RFEF e na Terceira RFEF destaca o derbi coruñés entre o Montañeiros e o Silva

A partir das dúas e cuarto da tarde, a atención pasará primeiro polas ligas da Federación. O Lugo recibe no Anxo Carro á Ponferradina, no chamado derbi dos Ancares. Mentres, o Coruxo xoga no Vao ante o Salamanca, a Sarriana mídese co filial do Valladolid e a Unión Deportiva Ourense afronta no desterro de Verín o enfrontamento ante o segundo equipo do Burgos. Fóra da casa, o Fabril defende o liderado no Requexón ante o segundo clasificado, o Oviedo Promesas.

A partir das seis e media, o Coliseum acollerá a visita do Celta ao Xetafe na Primeira División. O equipo de Claudio vén de competir en Belgrado na Europa League, onde pechou a primeira fase empatando a un gol diante do Estrela Vermella. Agora toca de novo o campionato ligueiro co obxectivo de continuar á caza do Betis e do Español, sexto e quinto clasificados respectivamente. O rival está ao bordo do abismo e unha derrota ante os vigueses podería afundilo nos postos de descenso.

#GaliciaEnXogo

A última hora do domingo estará dedicada como cada semana ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás once da noite, Rodrigo Pérez Pardo repasará a información do motor cunha edición especial centrada no rally Dakar. Xa ás once e media, Toni López prestará atención no tempo para os deportes olímpicos á entrega dos premios Amare e Terra celebrada esta semana na Coruña.


                                        

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade