Xosé A. Touriñán contará 'Moito Chiste' no 'prime time' de luns a xoves - CSAG
Xosé A. Touriñán contará 'Moito Chiste' no 'prime time' de luns a xoves
Da súa man, este novo programa da TVG levará o mellor humor polos bares e tabernas de Galicia, con catro veciños de cada localidade competindo cada día coas súas chanzas

Santiago, 31.07.2026.- O vindeiro luns 3 de agosto chega á TVG ‘Moito Chiste’, un novo programa que, nas noites de luns a xoves (21:45 h), levará polos bares e tabernas de Galicia o mellor humor, da man de Xosé A. Touriñán.
Cada día, catro veciños de cada localidade competirán contando os seus mellores chistes no “mellor programa, pero peor concurso da televisión”, en palabras de Touriñán, en que non gaña o máis simpático, senón quen máis familia leve como público.
Na súa estrea, ‘Moito Chiste’ estará en Vedra, na histórica Taberna do Mosqueiro, epicentro do viño da Ulla, que xa foi estudio de televisión nalgunhas temporadas da serie ‘Era Visto!’. Alí, Touriñán estará acompañado por Inés, Héctor, José e Cañete. Só un deles poderá facerse coa Cunca de Ouro.
