BASES CONCURSO 'RECANTOS' 2026-2027 - CSAG
BASES CONCURSO 'RECANTOS' 2026-2027
- OBXECTO
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (a CSAG), domiciliada en San Marcos, s/n, (Santiago de Compostela) e con N.I.F. A-15.073.349, é a entidade responsable do concurso para televisión “Recantos” (o “concurso”) que se emitirá no programa Luar, nas súas canles de televisión e nos servizos dixitais e interactivos (en diante, a “cadea”).
O concurso ten por obxecto a participación de diversas persoas concursantes (vinte), previamente seleccionadas, en representación de diferentes zonas xerográficas de Galicia, que deberán interpretar os temas musicais que determine a dirección do programa, de acordo coa mecánica, criterios e distintas fases establecidas nestas bases. Ao longo do concurso, as persoas participantes serán sometidas ás correspondentes avaliacións e/ou votacións previstas na súa mecánica, que determinarán a permanencia e progresión nas distintas fases ata a elección dun gañador ou gañadora do concurso.
O concurso comezará o 18 de setembro de 2026 e rematará no mes de xullo de 2027.
- NORMAS APLICABLES AO CONCURSO
O concurso rexerase polas presentes bases, que están dispoñibles para a súa consulta na páxina da CSAG (www.csag.gal). A participación no concurso implica a aceptación íntegra e incondicional do seu contido. Así mesmo, as persoas participantes deberán asinar as presentes bases como constancia da súa aceptación.
Ademais, as persoas participantes comprométense a respectar a normativa reguladora da CSAG, os criterios reitores da dirección editorial aprobados polo Consello de Administración e o Código de Conduta. Estes documentos están dispoñibles para a súa consulta na páxina web da CSAG.
A CSAG poderá expulsar do concurso calquera persoa concursante que non cumpra estas bases ou a normativa reguladora.
A CSAG aboará a cada concursante a cantidade bruta de 170 euros por cada programa en que participe ata a súa eliminación. Sobre ese importe practicaranse, no seu caso, as retencións fiscais esixibles.
- LEXITIMACIÓN PARA PARTICIPAR
Poderán participar no concurso todas aquelas persoas, maiores de 18 anos ou maiores de 16 que se atopen emancipadas, que residan legalmente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúan DNI ou pasaporte vixentes en caso de ser españolas ou NIE e permiso de residencia vixentes en caso de seren estranxeiras e que fosen seleccionadas nos diferentes castings que a CSAG efectúe para ese efecto e que actúe conforme o procedemento aquí descrito. Excepcionalmente poderán ser seleccionadas persoas que residan en zonas limítrofes a esta comunidade autónoma.
Non poderán participar no concurso as persoas traballadoras da CSAG nin de empresas que participen na produción do programa nin os familiares das devanditas persoas traballadoras ou dos membros do xurado ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (incluídas as parellas de feito). Tampouco poderán participar aquelas persoas que manteñan relacións de amizade con persoas con capacidade de decisión sobre o desenvolvemento ou resultado do concurso.
O incumprimento destas condicións dará lugar á eliminación automática da persoa concursante e á obrigación de devolver o premio obtido, no seu caso.
- MECÁNICA DO CONCURSO
O concurso estruturarase inicialmente en tres roldas, unha semifinal e unha final. Esta estrutura poderá ser modificada cando concorran razóns organizativas, técnicas ou relacionadas co desenvolvemento do programa que así o xustifiquen.
Accederán ás sucesivas fases do concurso as persoas participantes que obteñan as maiores puntuacións, de acordo co sistema de avaliación establecido nestas bases.
O número de persoas participantes que accederán a cada unha das roldas seguintes será determinado pola dirección do programa e comunicado ás persoas participantes con carácter previo ao inicio da fase correspondente.
As persoas participantes deberán asistir e participar en todos os programa mentres non sexan eliminadas, con independencia de que na gravación concreta lles corresponda ou non realizar unha interpretación musical, e deberán atender, en todo caso, as indicacións da dirección do programa relativas á súa participación.
A gravación/emisión en directo realízase todos os venres en Montouto (Teo), e as persoas participantes deben estar dispoñibles no horario que determine a dirección do programa. Excepcionalmente o día de gravación poderá ser modificado, o que lles será notificado ás persoas participantes.
-
- MECÁNICA
Os Recantos representados corresponden á división xeográfica, tanto de Galicia como de zonas limítrofes, no seu caso, feita polo programa, seguindo criterios estritamente funcionais.
En cada programa competirán dúas persoas representantes de cadanseu recanto interpretando, con voz en directo e acompañamento musical en “playback”, un tema en solitario cada unha máis outro tema a dúo entre as persoas concursantes da noite. Os temas musicais serán en galego, elixidos pola dirección do programa.
-
- FASES
O concurso estruturarase inicialmente en tres roldas, unha semifinal e unha final. Esta estrutura poderá ser modificada cando concorran razóns organizativas, técnicas ou relacionadas co desenvolvemento do programa que así o xustifiquen.
A dirección do programa resérvase a facultade de incorporar novas fases ao concurso cando así o requiran necesidades de programación ou produción. A incorporación de novas fases, así como as súas regras, mecánica e efectos sobre o desenvolvemento do concurso, deberán ser comunicados ás persoas participantes afectadas con carácter previo á súa aplicación, garantindo, en todo caso, a aplicación de criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios.
Na primeira rolda participarán todos as persoas concursantes e ao remate da rolda pasarán á seguinte fase as mellor puntuadas. En caso de empate, o xurado deberá decidir quen pasa e poderán solicitar previamente que as persoas participantes canten o tema que decida a dirección do programa.
Nas seguintes roldas formaran parte as persoas participantes que obteñan a maior puntuación e comezará unha nova táboa de clasificación en que as puntuacións parten de cero. O número de persoas concursantes que pasen de rolda será determinado pola dirección do programa atendendo ás necesidades de programación.
As persoas concursantes deberán participar en solitario, formando duetos ou calquera outra formación que a dirección do programa estime oportuno, seguindo en todo caso coa puntuación individual e co mesmo mecanismo porcentual.
Ao remate das eliminatorias, as catro (4) persoas concursantes mellor puntuadas competirán en semifinais; tras as semifinais as dúas (2) persas con maior puntuación pasaran á final.
-
- PUNTUACIÓNS
Unha vez realizadas as interpretacións, estas serán avaliadas por un xurado composto por tres persoas de recoñecido prestixio vinculadas ao ámbito da música. O nome destas seralles dado a coñecer ás persoas participantes previamente.
Cada persoa membro do xurado outorgaralle individualmente a cada persoa participante unha puntuación de entre un (1) e dez (10) puntos, atendendo a criterios artísticos, vocais e escénicos relacionados coa interpretación realizada.
A puntuación do xurado correspondente a cada participante será o resultado da suma das puntuacións outorgadas polos tres membros do xurado.
Outros dez (10) puntos serán repartidos entre as dúas persoas concursantes de forma proporcional aos votos recibidos a través de chamadas telefónicas e das redes sociais Whatsapp, Facebook e Instagram que se reciban durante o tempo habilitado para tal efecto polo programa. O público poderá participar na votación desde calquera lugar de España ou do estranxeiro. Nas votacións realizadas mediante chamada telefónica, contabilizarase un voto por chamada, cun máximo de cinco (5) chamadas desde o mesmo número de teléfono por programa. Nas votacións realizadas a través das redes sociais, admitirase un único voto por usuario e programa.
Outorgaráselle un punto adicional á persoa concursante que obteña o maior número de votos dos seus compañeiros e compañeiras presentes, e será obrigatoria a participación de todas as persoas concursantes nesta votación. En caso de empate, o punto corresponderá á persoa que obtivese o maior número de votos do público mediante chamada telefónica.
O resultado da suma das votacións do xurado, dos espectadores e dos recanteiros e das recanteiras será exposto nunha táboa clasificatoria e pasarán á seguinte fase os que obteñan a maior puntuación.
Nas fases semifinal e unha final a puntuación será outorgada exclusivamente polo xurado, en atención aos criterios establecidos.
A persoa gañadora será a que obteña a maior puntuación na fase final, e a que obteña a segunda maior puntuación será a persoa subcampioa.
-
- PREMIO
O concurso ten como premio unha dotación económica de 5.000 € para a persoa campiona e de 2.000 € para a subcampiona. A estes importes practicaránselle, no seu caso, as retencións fiscais esixibles.
As persoas gañadoras, para poder recibir o premio, deberan acreditar a súa identidade, para cuxo fin deberán achegar o seu DNI/NIE, teléfono de contacto e número de conta bancaria con código IBAN da cal sexan titular e onde desexe recibir o importe do premio.
As persoas premiadas deberán realizar os trámites necesarios para a percepción do premio no prazo de cento oitenta (180) días, contado a partir do día seguinte á data do concurso en que se producise a participación premiada. Transcorrido o devandito prazo sen que se realizasen os trámites necesarios para a súa percepción, perderán o dereito ao cobramento do premio.
De conformidade coa normativa fiscal vixente, os premios estarán suxeitos á correspondente retención a conta do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).
A CSAG expedirá e porá á disposición de cada persoa premiada o correspondente certificado de retencións e ingresos á conta, no que constarán o importe do premio e a retención practicada, para os efectos do cumprimento das súas obrigas tributarias.
- CESIÓN DE DEREITOS
As persoas participantes autorizan expresamente á CSAG a fixar e gravar, por calquera medio ou soporte, todas as interpretacións, actuacións, intervencións e demais prestacións artísticas que realicen con ocasión da súa participación no concurso, incluídos os ensaios, probas, actuacións, galas e demais actividades vinculadas a este. A persoa participante cede á CSAG, con carácter exclusivo e na máxima extensión permitida pola lexislación vixente, os dereitos de explotación transmisibles que lle correspondan sobre a súa participación no concurso, en particular, os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública, incluído a posta a disposición do público e transformación. A cesión efectúase para todo o mundo e durante todo o período de protección legal dos dereitos cedidos, para a súa explotación a través de calquera medio, modalidade, formato, soporte, sistema ou procedemento técnico permitido pola normativa aplicable, incluídos televisión lineal ou baixo demanda, internet, páxinas web, plataformas dixitais, redes sociais, aplicacións e servizos interactivos. A CSAG poderá explotar as gravacións de forma íntegra ou parcial e realizar as edicións, montaxes, reducións, fragmentacións, adaptacións técnicas e demais operacións necesarias para a súa produción, emisión, comunicación, arquivo, promoción e explotación, respectando os dereitos morais irrenunciables do participante. Os dereitos de explotación cedidos corresponderanlle en exclusiva á CSAG, que poderá exercelos directamente ou autorizar o seu exercicio a terceiros vinculados á produción, emisión, distribución, promoción, arquivo ou explotación do concurso, do programa Luar ou dos seus contidos.
Así mesmo, o participante autoriza expresamente á CSAG a captar, gravar, reproducir e utilizar a súa imaxe, voz, nome e demais elementos identificativos obtidos con ocasión da súa participación no concurso para a produción, emisión, comunicación, difusión, promoción e arquivo do concurso, do programa Luar e dos contidos relacionados con eles, a través de todos os medios e soportes. Esta autorización terá alcance territorial mundial e comprenderá a utilización íntegra ou fragmentada da imaxe e voz do participante e a súa incorporación a promocións, avances, resumos, pezas promocionais do propio programa ou concurso, redes sociais, páxinas web, plataformas dixitais e demais servizos da CSAG.
- PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
A Corporación Servizos Audiovisuais de Galicia S.A. (CSAG) informa de que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD) e na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, a recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que a PERSOA PARTICIPANTE nos facilita durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesaria para o desenvolvemento e cumprimento do concurso. Tamén informa de que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. A persoa participante poderá exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación e portabilidade por correo postal enviado á dirección propia da CSAG indicada no encabezado do contrato, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@csag.gal, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.
- MODIFICACIÓN DE BASES
A CSAG resérvase o dereito de retirar ou modificar o concurso por motivos técnicos, operativos ou de audiencia, modificando no necesario as bases.
- ACEPTACIÓN DAS BASES E LEXISLACIÓN APLICABLE
A participación no concurso supón a aceptación expresa destas bases. Corresponderá á Dirección do programa resolver as incidencias de funcionamento e interpretar estas bases.
Serán competentes para coñecer os litixios que puidesen exporse os xulgados e tribunais da cidade de Santiago de Compostela, e os participantes deben renunciar expresamente ao foro que lles puidese corresponder.
- ATENCIÓN DE RECLAMACIÓNS
A persoa concursante poderá efectuar as súas reclamacións en relación co concurso por calquera destas vías:
- Por escrito, mediante escrito enviado á CSAG, domiciliada en San Marcos s/n (Santiago de Compostela).
- A través do correo electrónico luar@crtvg.gal
As reclamacións serán examinadas pola Dirección do programa e pola CSAG. Se se acredita un erro que afectase de maneira relevante á participación dunha persoa concursante, adoptaranse, cando resulte materialmente posible e proporcionado, as medidas necesarias para reparar os seus efectos, atendendo á fase do concurso e ás necesidades de produción e programación.
- OUTROS
As persoas concursantes deberan presentarse puntualmente no lugar e durante o tempo que se lles sinale para efectuar os ensaios previos, así como seguir as instrucións de participación durante o programa.
As persoas participantes que desexen abandonar o concurso deberán comunicar a súa renuncia por escrito cunha antelación mínima de quince (15) días naturais, co fin de non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.
En Santiago de Compostela, a 18 de setembro de 2026