ALALÁ - CRTVG
ALALÁ: Tombalombos Orquestra
A música tradicional galega naceu nun contexto rural. A aldea foi a gran transmisora da cultura e do saber musical galego. En 'Alalá' non son os gaiteiros ou as pandereteiras quen se traslada ao estudio de gravación senón que é a cámara a que vai á aldea, para retratar coa maior fidelidade e profundidade ese contexto onde se produce ou producía a música tradicional. Os protagonistas do 'Alalá' son persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas. A Tombalobos Orquestra é un grupo de 15 amigos da Coruña moi diferentes entre si. Excepto a música non teñen nada que ver uns e outros: Hai mestres de ensino, poetas, mestres de autoescola, funcionarios e militares… Desta curiosa mezcla sae un grupo que canta repertorio tradicional e de nova composición. Preocupados pola cultura e apegados á súa querida cidade da Coruña. Son xente aberta, animada, e cantan e bailan sen complexos. No tempo no que o equipo do Alalá estivo gravando coa Tombalobos Orquestra fixeron unha festa nunha taberna da Coruña, outra na casa dun dos membros fundadores en Zorrizo e montaron unha tremenda nunha cervexería de Culleredo. Non son músicos profesionais. Non viven da música e o que realmente lles gusta é estar en contacto coa xente e contaxiar o seu amor pola música.