div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' celebra un reencontro histórico para escoller a mellor interpretación de todas as edicións

Concursantes icónicos das sete temporadas regresan ao escenario da TVG nunha noite cargada de emoción, con actuacións especiais, duómetro e estreas musicais propias 

csag.gal 30/04/2026 00:01

Santiago, 30.04.2026.-    A familia de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (22:40 h) agasalla este xoves os espectadores cun evento moi especial, un reencontro por todo o alto en que se dan cita extraordinarios das 7 edicións do concurso. Unha noite moi especial, conducida por María Mera, en que o obxectivo é claro: buscar a mellor interpretación da historia da Liga! 

 Alba Navarro, David Seara, Alejandra Pais, Daniel Gigirey. Yamohe, Diego Barbazán, Laura Añón e Yordanis son os protagonistas desta velada. Todos eles interpretarán no escenario cancións míticas da historia da Liga agardando poder conquistar o xurado e conseguir o galardón pola mellor interpretación. 

Os concursantes estarán arroupados polos representantes das tres grandes orquestras de Galicia: Blas Piñón (París de Noia), Javier Saavedra (Los Satélites) e Lito (Panorama) que, coma sempre, aportan talento e momentos de humor cos seus famosos piques. Ademais, os membros do xurado, Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa serán os encargados de valorar cada actuación, buscando coma sempre a excelencia en cada concursante. 

Música e emoción desde o minuto un

Os concursantes non son os únicos que encandean no escenario. Este reencontro está cargado de actuacións irrepetibles desde o comezo. María Mera, Blas Piñón, Lito, Javier Saavedra e César Romero arrancan o programa con ‘A Liga é un gran show’,  versión do tema principal da película musical ‘O gran Showman’. Todos xuntos converten o escenario nun circo cheo de fantasía, maxia e ilusión. 

Tampouco faltará un dos momentos máis míticos de todas as edicións da Liga: o famoso medley. Nesta ocasión, Blas, Lito e Saavedra poñen voz a cancións que xa forman parte da banda sonora da verbena galega.

Pola súa banda, Alba López, gañadora da quinta edición do programa, volverá emocionar a todos no estudio ao cantar ‘Sanando lento’, tema producido por Iago Pico.  

Duómetro e novos hits

Nesta xuntanza tan máxica desenvolverase tamén o famoso Duómetro da Liga que nesta ocasión xunta a César Romero e a Alba Navarro para que canten o tema ‘Dos locos’ de Monchy e Alexandra. 

Ademais das cancións máis coñecidos da verbena galega, neste programa tamén haberá espazo para novos hits. Sabela e David, concursantes da sétima edición, presentan por primeira vez o seu tema propio ‘Cero drama’. Dani e Héctor, bailaríns da Panorama, animan o ambiente co seu novo sinxelo ‘Morena’, unha mistura de  Drums and Bass e reguetón, ideal para que todo o mundo salga a pista a bailar. 

Tras sete edicións de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ este reencontro  preséntase coma unha noite chea de emoción e nostalxia, en que os concursantes, ademais de cantar, recordan anécdotas do seu paso polo programa e comparten cos espectadores o que ‘A Liga’ simboliza para todos eles. Sen dúbida, unha noite memorable. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade