div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' está de volta coa súa oitava edición, que combina talento, bo humor e entretemento familiar

María Mera ponse hoxe de novo aos mandos deste célebre concurso co obxectivo de atopar o rei ou a raíña da verbena galega

O primeiro programa comezará cun 'show' de benvida cheo de cor e alegría e coa visita de Virginia, a gañadora da anterior edición

csag.gal 03/10/2026 02:00

Santiago, 03.10.2026.-    Unha temporada máis, ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (22:25 h) regresa para facer as delicias dos seguidores máis acérrimos das orquestras. E faino cunha fórmula de éxito: combinando talento, bo humor e entretemento familiar.

A presentadora María Mera ponse esta noite de novo aos mandos deste célebre concurso co obxectivo de atopar o rei ou a raíña da verbena galega. Ao seu carón repiten experiencia os representantes das catro principais orquestras galegas: Lito, da Panorama; Blas Piñón, da París de Noia; Diego Barbazán, da Olympus, e Javier Saavedra, de Los Satélites. Cada un deles apadriñará dous dos oito aspirantes que competirán por ser a mellor voz de Galicia.

Non pode faltar o xurado, composto unha vez máis polo recoñecido produtor musical Iago Pico; a cantante, compositora e produtora musical Carolina Rubirosa; o cantautor e exarpista do grupo Milladoiro, Roi Casal, e o xa mítico e polifacético Antón Reixa. A ampla experiencia en diferentes disciplinas artísticas de todos eles achegará unha valiosa perspectiva á hora de avaliar o talento e a creatividade dos concursantes. Por outro lado, a posta en escena estará novamente nas mans de César Romero, encargado artístico do programa e cantante e director da orquestra Cinema. 
    
Competición de escuderías e ‘particellas’

Como en anteriores temporadas, cada orquestra funcionará coma unha escudería e os dous concursantes apadriñados serán os encargados de representar e destacar o talento e a forza do grupo. Esta nova modalidade busca potenciar a colaboración e o espírito de equipo, facendo que a festa sexa aínda máis enriquecedora e divertida.
 
Non podían faltar tampouco as célebres ‘particellas’, os desafíos musicais aos que se teñen que enfrontar os concursantes ao longo do programa. Por unha parte, as ‘particellas’ clásicas: ‘Carameliño’, ‘Reto’, ‘Dúo’ e a temida ‘Sobes ou baixas’. E, pola outra, as ‘particellas de ouro’: a de ‘Roubo’ e a de ‘Fuga’. A primeira concede a cada padriño a posibilidade de roubar un concursante de calquera das escuderías da competencia, mentres que a segunda lles permite aos concursantes cambiar de escudería e elixir outra coa que se sintan máis identificados. 

Ademais, a partir do segundo programa, os concursantes van cantar a dúo. As parellas serán elixidas de forma aleatoria cada vez que César Romero active o denominado ‘Duómetro’. Deste xeito, en cada programa a expectación e a ilusión por saber quen actuará con quen estarán a flor de pel. 

O primeiro programa da oitava edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ comezará da mellor maneira posible. María Mera, Paco Lodeiro e César Romero uniranse aos membros do xurado, aos padriños e aos concursantes históricos das diferentes edicións do programa para protagonizar un show de benvida cheo de cor e alegría. Todos ao unísono, acompañados do corpo de bailaríns, interpretarán o tema ‘Volve a Liga e vaiche cambiar a vida’, para dar a benvida a esta nova etapa do concurso. Unha actuación festiva que se converte nunha auténtica declaración de intencións desta nova tempada chea de espectáculo e emoción desde o principio. 

Ademais, o espazo da TVG recibirá a visita de Virginia, a gañadora da pasada edición da Liga, que vai presentar en primicia o seu sinxelo ‘Galicia’, producido por Iago Pico. Ela mesma escribiu a letra desta canción en galego, un tema que funciona como unha homenaxe á súa terra natal, á súa aldea e ao lugar de onde vén. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade