'A Superfesta' chega á Festa da Empanada da Bandeira da man dos dous Mozos de Arousa - CSAG
'A Superfesta' chega á Festa da Empanada da Bandeira da man dos dous Mozos de Arousa
Bruno e Borjamina, acompañados polas reporteiras do programa, mergúllanse nesta cita gastronómica e festiva para valorar tradición, sabor e troula

Santiago, 27.8.2025.- Este mércores na Televisión de Galicia os dous Mozos de Arousa volven cunha nova aventura en ‘A Superfesta’ (22:15 h). Nesta ocasión Bruno e Borjamina puntuarán ,coa axuda das reporteiras, a Festa da Empanada da Bandeira, no concello de Silleda. A nota que lle porán os mozos a esta prestixiosa exaltación gastronómica saberase ao final do programa.
Desde a Festa da Empanada da Bandeira, Bruno e Borjamina avaliarán unha das grandes citas do verán galego. Estes Mozos de Arousa terán a oportunidade de vivir, en primeira persoa, o concurso de empanadas e a posterior poxa en que os asistentes poden facerse coas mellores receitas. Ademais, os dous presentadores participarán na cea da empanada xunto a milleiros de devotos deste manxar.
E as reporteiras do programa, Adela Bértolo, Jose Torres e Laura Vecino, estarán presentes en todas as actividades que hai arredor desta gran celebración. Pasarán polo Entroido de Verán, os divertidos xogos tradicionais para toda a familia e a orixinal ruta da empanadilla. Tamén terán tempo para cantar e bailar nos concertos dedicados á empanada.
Ao final do programa, e con toda a información dispoñible sobre a Festa da Empanada da Bandeira, Bruno e Borjamina puntuarán a gastronomía, as tradicións e a troula. E cando remate a temporada, o público votará pola súa favorita a través das redes sociais do programa. Estas votacións, sumadas ás puntuacións dos Mozos de Arousa, serán fundamentais para saber cal é ‘A Superfesta’ do verán galego.