'Casamos!' acompaña a Carina e Dinis no seu esperado 'si, quero' tras vinte anos de amor - CSAG
'Casamos!' acompaña a Carina e Dinis no seu esperado 'si, quero' tras vinte anos de amor
A parella, que chegou de Portugal a Galicia hai trece anos, celebra en Barreiros unha emotiva voda rodeada de familiares e amigos

Santiago, 2.9.2026.- Televisión de Galicia achega esta noite a historia de amor de Carina e Dinis, unha parella que leva media vida xunta e que tras de 20 anos de relación sentimental decide pasar polo altar, co programa ‘Casamos!’ (21:55 h) de testemuña.
A súa historia comezou nunha romaría de Portugal, presentados por uns amigos en común. Carina e Dinis chegaron de Portugal a Galicia hai 13 anos e atoparon en Barreiros o lugar onde comezar unha nova vida xuntos. Desde que se estableceron no noso país construíron o seu fogar e a súa nova vida.
Agora casan para celebrar o seu amor e agradecer a todos os que os acompañaron no camiño. Unha gran festa entre familiares e amigos onde Galicia e Portugal se dan a man.