'Estudante 360' achega o día a día da vida universitaria en AGalega.gal, que amais reforza a súa oferta cos contidos estrela da TVG - CSAG
'Estudante 360' achega o día a día da vida universitaria en AGalega.gal, que amais reforza a súa oferta cos contidos estrela da TVG
Incorpóranse desde esta semana as novas entregas de ‘Casamos!’, ‘Curando o mundo’, ‘Galicia bonita’, ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Luar’
A plataforma propón tamén un novo capítulo de #Bótalleazucre e cinema para todos os gustos

Santiago, 8.9.2025.- A plataforma AGalega.gal estrea ‘Estudante 360’, un novo formato que se achega á vida universitaria en Santiago de Compostela. Hoxe ofrécese o primeiro episodio deste programa dixital que amosa, sen filtros, como é o día a día de diferentes universitarios entre clases, amizades e diversión, coa busca de ser ‘perfectos’ nunha etapa chea de retos.
A plataforma tamén reforza a súa oferta coa incorporación dos programas máis potentes da TVG despois da súa emisión: ‘Casamos!’ abre os luns, ‘Curando o mundo’ toma a remuda os martes, e os mércores engádese ao prime time o novo ‘Galicia bonita’. O xoves será a quenda do regreso de ‘Land Rober Tunai Show’ e, o venres, o de ‘Luar’, ambos con tempadas cheas de humor, música e moitas sorpresas. O espazo ‘A superfesta’ móvese ao sábado pola tarde coas súas propostas de festa para a fin de semana. E a oferta nocturna complétase con ‘A miña gran cidade’ (sábado) e o deporte en directo de ‘En xogo’ (domingo), garantindo así variedade e entretemento para toda a audiencia.
O xoves 11 haberá un novo capítulo de ‘#Bótalleazucre’ (16:00 h), en que a influencer cubana máis divertida, Anita Mateu, continúa coa súa particular aventura para conseguir un título oficial de galego. Ese mesmo día estará dispoñible en AGalega.gal o filme ‘O heroe de Berlín’, que recrea a historia inspiradora de Jesse Owens nos Xogos Olímpicos de 1936 (dispoñible durante 15 días).
Para a fin de semana, a plataforma propón máis cinema, con ‘Cuestión de sangue’, thriller protagonizado por Matt Damon, que se estrea o venres 12 (30 días de dispoñibilidade), e con ‘Amor á siciliana’, unha historia de amor e intriga ambientada na Sicilia da Segunda Guerra Mundial para o sábado 13 (tamén dispoñible durante 30 días).