'Expediente Oculto' analiza esta noite, en profundidade e con imaxes inéditas, o dobre crime da rúa Oporto de Vigo - CSAG
'Expediente Oculto' analiza esta noite, en profundidade e con imaxes inéditas, o dobre crime da rúa Oporto de Vigo
O programa tamén falará da desaparición do psiquiatra Alfonso Mozos, cuxa pista se perdeu hai oito anos, e do traballo da UIFO, o CSI dos incendios forestais en Galicia

Santiago, 11.05.2026.- Isaac e Julio encontraron a morte tras unha noite de festa. Os dous, parella, foron torturados e acabaron atados e envoltos en lapas na súa propia casa. Ninguén atendeu os seus berros de socorro mentres un criminal os acoitelaba, lles prendía lume e escapaba, horas despois, escaleiras abaixo cunha maleta pesada. O programa ‘Expediente Oculto’ (22:45 h) analiza este luns, en profundidade e con imaxes inéditas, un dobre crime que aínda está gravado na memoria de moitos vigueses: o da rúa Oporto, acontecido en 2006.
O espazo da TVG presentado por Patricia Abet tamén abrirá o expediente de Alfonso Mozos, un brillante psiquiatra de 36 anos cuxa pista se perdeu hai oito anos no miradoiro de Ponte Gundián, en Vedra, a 30 minutos de Santiago. Os buzos que rastrexaron o cauce fluvial non atoparon ningunha pista e a súa desaparición segue a ser un misterio a día de hoxe.
Por outro lado, ás portas do verán, meses críticos para os incendios forestais, ‘Expediente Oculto’ falará da UIFO, unha unidade de elite galega capaz de rastrexar ata a última pegada para desenmascarar os terroristas do monte.
Para tratar estes asuntos, o programa contará coa presenza na súa mesa de Xurxo Melchor, Jorge Sobral, Manuel Alfonso Romero e José Antonio Vázquez Taín.