'Galicia en Goles' ofrece este luns unha edición especial desde Riazor, coa retransmisión do Deportivo-Mirandés - CSAG
'Galicia en Goles' ofrece este luns unha edición especial desde Riazor, coa retransmisión do Deportivo-Mirandés
O domingo destacan o baloncesto, co San Pablo Burgos-Breogán da Liga ACB; o fútbol, co partido Athletic Club B-Rácing de Ferrol, e o balonmán feminino, coa semifinal da European Cup entre o Málaga e o Atlético Guardés
A última etapa da Volta Ciclista O Gran Camiño e o encontro da Primeira de fútbol sala entre o Noia e o Alzira F. S. integran a oferta do sábado

Santiago, 17.04.2026.- A Radio Galega amplía as xornadas de retransmisións deportivas ata o luns, cunha programación que principia este venres pola noite co derbi de baloncesto entre o Obradoiro e o Ourense, da Primeira Federación, e remata 72 horas despois en Riazor co Deportivo da Coruña-Mirandés da Segunda División.
A primeira edición de ‘Galicia en Goles’ comezará hoxe ás 20:30 h coa cobertura do enfrontamento de baloncesto entre o Obradoiro e o Ourense, xunto ao Celta Fortuna-Cacereño, da Primeira RFEF.
O sábado, a programación arrancará 14:15 h e prolongarase ata a medianoite, cun menú deportivo variado que inclúe a derradeira etapa da Volta Ciclista O Gran Camiño, ademais do encontro da Primeira de fútbol sala entre o Noia e o Alzira F. S. Outro dos argumentos da tarde será o Fuenlabrada-Básquet Coruña, da Primeira FEB.
Xa o domingo, a cobertura dividirase en dous bloques. Pola mañá, de 12:00 a 14:00 h, a atención estará posta en Lezama co Athletic Club B-Rácing de Ferrol, xunto á ida da semifinal da European Cup de balonmán feminino entre o Málaga e o Atlético Guardés.
A partir das 14:15 h chegará unha intensa tarde de fútbol e baloncesto con múltiples campos conectados. Na Primeira RFEF destacan tres citas: Arenteiro-Mérida, Guadalaxara-Pontevedra e Lugo-Talavera. A Segunda RFEF, mentres, ofrece outros tres partidos protagonistas: S. D. Sarriana-Marino de Luanco, Coruxo F. C.-Raio Cantabria e U. D. Ourense-C. D. Lealtad. O baloncesto estará presente coa Liga ACB e a visita do Breogán ao San Pablo Burgos. A axenda da tarde completarase co Cangas-Villa de Aranda, da Liga Asobal de balonmán.
A principal función da xornada resérvase para a tarde do luns. A partir das 20:00 h e ata a medianoite, Roberto Carlos Carballo conducirá a retransmisión íntegra do encontro entre o Deportivo e o Mirandés, no estadio municipal de Riazor. A Radio Galega despregará un amplo equipo de profesionais, con Javi Torres, Fernando Romero de Paz, Xosé Manuel Traba e Mr. Asubío para ofrecer todos os detalles, cunha cobertura que incluirá a previa desde os exteriores, a narración dos 90 minutos de xogo, a análise cos especialistas e as reaccións dos protagonistas na sala de prensa e na zona mixta.
#GaliciaEnXogo
O proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo volverá o domingo pola noite ao dial da Radio Galega. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez dedicará o tempo de motor a un monográfico sobre o Rally de Noia, puntuable para o Campionato Galego de Rallys. Ao remate, contra as 23:30 h, Toni López entrevistará a atleta galega Aldara Meilán, que acaba de lograr a medalla de bronce coa selección española nos Mundiais de marcha atlética.