div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Galicia en Goles' retransmite este domingo os partidos Real Sociedade-Celta e Deportivo-Rácing de Santander

O sábado, os oíntes da Radio Galega poderán seguir en directo o Breogán-Real Madrid da Liga ACB de baloncesto desde o Pazo de Lugo

As retransmisións deportivas comezarán xa este venres, cos partidos adiantados da Primeira RFEF: Celta Fortuna-Zamora e Pontevedra-Mérida

csag.gal 23/01/2026 11:24

Santiago, 23.01.2026.-    O venres comeza a fin de semana de retransmisións deportivas na Radio Galega e AGalegaAudio.gal cos partidos adiantados da Primeira RFEF. O Celta Fortuna, segundo clasificado, recibe en Balaídos o Zamora, sexto na táboa. O Pontevedra, que é o terceiro do campionato, visita o Mérida no estadio Romano. Roberto Carlos Carballo conducirá a primeira entrega de ‘Galicia en Goles’ desde as 20:30 h ata as 00:00 h.

O sábado, a partir das 14:15 h, o baloncesto será o principal protagonista, co Breogán-Real Madrid da Liga ACB desde o Pazo de Lugo. Con este encontro rematará a primeira volta do curso, en que o equipo que prepara Luis Casimiro sumou sete triunfos e ten un colchón de catro respecto á zona de descenso. Pola súa parte, o Real Madrid amosouse irregular e así e todo ocupa o liderado da clasificación, con catorce vitorias e dúas derrotas. O programa tamén seguirá a semifinal da Copa da Federación Española de Baloncesto, que disputan en Palencia o Ourense e o Estudiantes.  

No fútbol destaca o derbi da Primeira RFEF na Malata entre o Rácing de Ferrol e o Arenteiro. A situación do cadro departamental comeza a ser preocupante, porque, malia o cambio de adestrador, o equipo segue perdendo posicións e xa está fóra da zona de promoción de ascenso. Pola sua parte, o conxunto do Carballiño foi quen de puntuar en Pasarón e continúa na pelexa por evitar o descenso de categoría. Na Segunda RFEF, o Fabril parte como favorito desde a segunda praza ante o feble Sámano, que é o pechacancelas. Mentres, o Coruxo ascendeu á sexta praza na pasada xornada e nesta visita o filial do Real Oviedo, líder do grupo.                                      

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 12:00 h coa cobertura do Valladolid Promesas-U. D. Ourense, de Segunda RFEF. Os das Burgas están xa asentados na categoría e tras os últimos resultados accederon á zona de promoción, ocupando a quinta posición. Na Terceira destaca o Silva-Arousa na xornada matinal. Completa a axenda o Ensino Lugo-Joventut da Liga feminina de baloncesto. 

A partir das 14:15 h, a atención estará posta na sesión continua dos grandes do fútbol galego. O Celta de Vigo, tras a vitoria europea do xoves ante o Lille, visita Anoeta para enfrontarse á Real Sociedade, que acaba de derrotar o Barça. 

Pola noite, Riazor será o punto de directo co partido da Segunda División entre o líder, o Rácing de Santander, e o cuarto clasificado, o Deportivo. Os dous gañaron na pasada xornada a dous rivais directos polo ascenso. Mentres o equipo coruñés sumaba tres puntos no Mediterráneo ante o Almería, os cántabros goleaban no Sardinero a Unión Deportiva Las Palmas.

Durante a tarde haberá conexións co Avilés-Lugo, de Primeira RFEF, xunto á xornada de Segunda e Terceira RFEF. Outra das citas destacadas é o Logroño-Deportivo da Primeira División feminina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade