div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

'Galicia en Goles' retransmite este xoves a xornada de liga na Terceira Federación, con atención especial ao partido U. D. Ourense-Rácing Vilalbés

Na fin de semana destacan os encontros Barcelona-Celta, de Primeira División, e Deportivo-Tenerife, de Segunda

crtvg.gal 16/04/2025 17:00

Santiago, 16.04.2025.-    As retransmisións deportivas desta semana na Radio Galega comezan o Xoves Santo co fútbol e o fútbol sala como protagonistas. Desde as 14:30 h, Xoán Galán coordinará o amplo equipo que seguirá a xornada da Terceira Federación, con atención especial ao partido Unión Deportiva Ourense-Rácing Vilalbés desde o estadio do Couto. Outro punto de directo será o pavillón municipal de Lugo, desde onde o programa analizará a final feminina coas protagonistas do Burela-O Castro e contará o xogo que desenvolvan os equipos masculinos do Noia e do Leis Pontevedra.

O venres, a partir das 20:30 h, o programa atenderá o Unionistas de Salamanca-Arenteiro, na apertura da xornada da Primeira Federación de fútbol. O baloncesto FEB tamén estará presente coa cobertura dos encontros Betis-Obradoiro e Alacant-Ourense.

O sábado, o ‘Galicia en Goles’ adiantará o comezo ás 13:45 h para atender primeiro o Rácing de Ferrol-Eldense, desde A Malata, na xornada de Segunda División. A continuación chegará o Barcelona-Celta desde o estadio olímpico de Montjuic, da Primeira División. Tras perder en Balaídos ante o Español, o equipo de Claudio Giráldez afronta unha das últimas viaxes máis complexas do calendario coa ilusión de pelexar ata o final do campionato polos postos europeos. O Lugo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF, e o Básquet Coruña-Granada, da Liga ACB de baloncesto, completan a oferta de retransmisións da xornada.

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h co Ourense-Athlétic de Bilbao B, Silva-Unión Deportiva Ourense e Levante-Deportivo feminino como citas destacadas no fútbol. Ademais haberá derbi de balonmán entre O Porriño e o Guardés, xunto ao Noia-Manzanares de fútbol sala. A partir das 14:30 h, o equipo de Deportes da Radio Galega contará a festa do ascenso do Pontevedra, que volverá á Primeira RFEF con tres xornadas de adianto sempre e cando derrote en Pasarón o descendido Laredo. Na última quenda do día chegará a Segunda División desde Riazor, co Deportivo da Coruña-Tenerife. O Breogán-Zaragoza, da Liga ACB de baloncesto, tamén terá presenza na tarde do domingo de Pascua.

Audio de Radio Galega nas televisións

Esta semana os afeccionados que teñan previsto seguir os partidos por televisión dispoñen da opción do audio de Radio Galega nas seguintes retransmisións: Rácing de Ferrol-Eldense, Deportivo-Tenerife, Básquet Coruña-Granada e Breogán-Zaragoza.

#GaliciaEnXogo

O proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará en antena o xoves festivo con dúas entregas extraordinarias. A primeira, ás 15:00 h, con Toni López García falando cos protagonistas olímpicos na Gala Terra de Hércules, desenvolvida na Coruña. A segunda, ás 16:00 h, da man de Rodrigo Pérez Pardo, co Campionato Galego de Rallys como principal argumento. O sábado, o motor e os galegos olímpicos volverán ter presenza entre as 23:00 e as 00:00 h, tras a xornada de retransmisións deportivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade