div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG emitirá o Concerto das Letras na TVG e AGalega.gal

Unha homenaxe ao canto tradicional, desde Carballo, que correrá a cargo de Do Bertau, agrupación creada para a ocasión por 11 artistas, dirixidos por Richi Casás 

Ofrecerase na G2 o propio 17 de maio e quedará dispoñible na plataforma AGalega.gal

crtvg.gal 30/04/2025 15:58

Santiago, 30.04.2025.-  A CRTVG ofrecerá a 15ª edición do Concerto das Letras Galegas, unha homenaxe ao canto tradicional organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), que terá lugar o 16 de maio en Carballo. O evento poderá seguirse en directo a través da web do CCG e emitirase o sábado 17, Día das Letras Galegas, na segunda canle da TVG. Ademais, quedará dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal, reforzando así a oferta especial de contidos culturais da CRTVG nesta data sinalada.

Este concerto, con entrada libre, celebrarase no Pazo da Cultura de Carballo e destaca por poñer en valor a riqueza musical da comarca de Bergantiños a través dunha selección de cantos tradicionais galegos presentados cunha nova envolvente sonora. A proposta artística desta edición estará a cargo de Do Bertau, unha formación creada especificamente para esta ocasión, coordinada por Richi Casás e composta por 11 músicos e músicas de diversos ámbitos, cunha posta en escena contemporánea e inspirada na tradición.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co alcalde da localidade, Evencio Ferrero, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que fai un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea. Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez.

“Sempre concibimos o concerto como un proxecto colaborativo e este ano puxemos aínda máis o acento no colectivo xa que, grazas á mestría de Richi Casás, créase unha banda efémera de 11 artistas que lle dá impulso a esta proposta” explicou na rolda Rosario Álvarez. O director do Arquivo Sonoro de Galicia destacou que, o Concerto das Letras Galegas “escolma nesta ocasión arredor dunha ducia de pezas do amplo legado recollido nos cancioneiros para ofrecer, cunha envoltura de jazz a cargo de Do Bertau, muiñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros tipos de cantos tradicionais de diferentes zonas de Galicia”. Pola súa banda, Evencio Ferrero agradeceu na rolda a elección de Carballo para este concerto que “nos permite honrar á nosa tradición desde a comarca de Bergantiños, que ten unha fonda raigame de música tradicional con moitas persoas que serviron de fonte na que beberon os novos valores da música tradicional galega”. O concerto poderá seguirse en directo a través da web do CCG no día do concerto e “na segunda canle da TVG no marco da programación especial do Día das Letras Galegas e despois quedará a disposición da cidadanía na plataforma dixital AGalega.gal” explicou Marta Fernández.

Durante a presentación, a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, subliñou tamén que “a CRTVG volve ser altofalante dunha celebración das Letras Galegas neste ano no que as protagonistas son a voz e a música das cantareiras e pandereteiras, que soarán na TVG, a Radio Galega e as plataformas AGalega.gal e AGalegaAudio.gal grazas aos fondos do Arquivo Sonoro e a colaboracións institucionais como a asinada co Consello da Cultura Galega”.

O programa

O Concerto das Letras Galegas arranca coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50 enviado pola discográfica Columbia e, dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Séguelle unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro. No programa destaca tamén o Canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás, un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Tamén se escoitaran as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición. Do sur da provincia de Pontevedra pasarase ao sur de Ourense para escoitar o canto de canteiros de Faramontaos, que nesta ocasión soará na voz de Tanea. Explica Richi Casás que “os canteiros en todas as culturas acompañaban o seu traballo con cantares rítmicos para acompasar o seu esforzo á hora de mover grandes pedras”. Na recta final do concerto escoitaranse dúas pezas de Cervantes, cantadas a capela nas voces das tres integrantes de Bouba Pandeireteiras sen o acompañamento da banda. Poñen o ramo ao concerto dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás. 

O concerto insírese no marco dun acordo asinado hoxe entre o CCG e o Concello de Carballo. Pola súa parte, a CRTVG, que tamén asinou este mes un convenio de colaboración co Consello da Cultura Galega, súmase a esta iniciativa que abre a programación do Día das Letras Galegas, dando difusión á proposta tanto na súa grella televisiva como nas súas plataformas dixitais. As entradas de balde para o concerto estarán á disposición do público na billeteira do Concello (https://billeteira.carballo.gal/) a partir do xoves, 1 de maio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade