A curtametraxe 'Ulises' e o documental 'Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego', estreas desta semana en AGalega.gal - CSAG
A curtametraxe 'Ulises' e o documental 'Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego', estreas desta semana en AGalega.gal
O catálogo cinematográfico da plataforma amplíase estes días cos filmes ‘Esperanza’ e ‘Amanda’, e os espectadores poden ver ao completo a serie ‘Lume’

Santiago, 29.07.2025.- A plataforma AGalega.gal apura o mes de xullo con novas estreas, como a curtametraxe galega ‘Ulises’, que se poderá ver a partir deste mércores. Nela, os espectadores poderán ver como, nunha pequena e illada casa dunha zona montañosa, Loto coida do seu irmán Ulises, que padece un grave trastorno psicomotor que lle dificulta os desprazamentos. Están completamente sós e a actividade diaria de Loto é protexer o seu irmán mentres intenta sobrevivir.
Xa o venres 1 de agosto, chegará á canle dixital dos medios públicos ‘Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego’, un documental que descobre un capítulo intrigante e a miúdo esquecido da historia de Galicia: as incursións que os viquingos fixeron no norte peninsular desde o século IX ata o século XII, que puxeron en xaque reinos cristiáns e musulmáns coa súa chegada á Península Ibérica e co seu impacto cultural e estratéxico.
O catálogo cinematográfico de AGalega.gal tamén se amplía estes días con dúas novas películas: ‘Esperanza’ (martes 29), un drama en que un diagnóstico terminal pon a proba o amor esquecido de Anja e Tomas, e ‘Amanda’ (xoves 31), que amosa como un atentado cambia vida de David do presente sen ataduras á responsabilidade familiar. Ambas as dúas estarán dispoñibles durante 30 días.
Ademais, desde este luns, os usuarios da plataforma poden gozar dos capítulos finais da serie ‘Lume’, en que a súa protagonista, Lucía, destapa a trama dos incendios.
