div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal ofrecen este sábado o derbi Rácing de Ferrol-Pontevedra, e acompañan o Obradoiro, que se enfronta ao Cantabria, na súa loita polo ascenso á ACB

O domingo, os espectadores poderán seguir o Mérida-Lugo de Primeira RFEF, o final da liga de Segunda RFEF e o encontro de baloncesto Palma-Básquet Coruña

csag.gal 01/05/2026 15:00

Santiago, 01.05.2026.-    A primeira fin de semana do mes de maio chega ateigada de retransmisións deportivas na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. O sábado, ás 16:15 h, os espectadores da G2 poderán seguir o derbi da Malata entre o Rácing de Ferrol e o Pontevedra. O partido chega na recta final da fase regular, cos granates en posto de promoción e cos departamentais apurando as últimas opcións de entrar na pelexa polo ascenso.

Despois do fútbol, ás 19:00 h, chegará a quenda do baloncesto a través da G2 e da plataforma AGalega.gal. O pavillón de Torrelavega acolle un encontro de máxima transcendencia na loita polo ascenso directo á Liga ACB. O Obradoiro está nunha situación privilexiada, dependendo de si para conquistar o título. Mentres, o Cantabria é un rival sen presión clasificatoria, xa que nin pode acceder aos playoff nin está en risco de perder a categoría.

Xa o domingo, os afeccionados ao fútbol da Segunda RFEF teñen en AGalega.gal a última xornada da temporada, podendo seguir tres partidos dos equipos galegos no formato multifútbol. A U. D. Ourense celebra no Couto a clasificación para a fase de ascenso, recibindo o Astorga. Mentres, o Coruxo pecha o curso ante a Segoviana, un rival directo para entrar no playoff. Por último, a Sarriana necesita a vitoria ante o Raio Cantabria e depende doutros resultados para evitar o descenso.

Pola tarde, ás 16:00 h, a G2 emitirá desde o Estadio Romano o Mérida-Lugo da Primeira RFEF. As últimas derrotas deixaron practicamente fóra da zona privilexiada o equipo que prepara Álex Ortiz. Así e todo, unha vitoria fronte aos emeritenses suporía escalar varios postos na clasificación. En canto o árbitro asubíe o final, a G2 e AGalega.gal cambiarán o céspede polo parqué para contar desde o pavillón de Son Moix o Palma-Básquet Coruña da Primeira FEB. Os herculinos xogarán coa vantaxe de coñecer o resultado do Obradoiro o día anterior en Torrelavega.

‘En Xogo’

Ao remate da xornada, a G2 emite o domingo ás 22:25 h o máis destacado das principais categorías do fútbol español no programa ‘En Xogo’. Os espectadores tamén poderán ver unha edición reducida despois da medianoite na TVG. Desta volta, o protagonismo será para os partidos Celta-Elx e Deportivo-Leganés, xunto a todos os goles dos equipos galegos  nas ligas dependentes da Federación.

G24 e redes sociais

O equipo de Deportes da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia intensifica o traballo durante a fin de semana nas redes sociais de ‘En Xogo’, X e Instagram, ademais de informar ao momento na web G24.gal. Os usuarios poderán gozar das historias máis curiosas do deporte galego, con toda a actualidade das principais categorías de fútbol e baloncesto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade