A G2 e AGalega.gal ofrecen o sábado pola noite unha edición especial de ‘En Xogo’ ao remate do Xetafe-Celta - CRTVG
A G2 e AGalega.gal ofrecen o sábado pola noite unha edición especial de ‘En Xogo’ ao remate do Xetafe-Celta
O venres e o domingo continúan os cuartos de final de baloncesto entre o Palencia e o Obradoiro

Santiago, 22.05.2025.- O equipo de Deportes da Televisión de Galicia ten preparada unha ampla despregadura para dar cobertura a unha das fins de semana máis intensas da temporada. O venres, desde as oito da tarde, os espectadores da G2 e da plataforma AGalega.gal poderán gozar do terceiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB de baloncesto entre o Palencia e o Obradoiro. A serie está empatada a unha vitoria logo da disputa dos dous primeiros encontros no Multiúsos Fontes do Sar e o cadro que prepara Félix Alonso está obrigado a gañar polo menos un dos dous na pista palentina para forzar así o desempate en Santiago.
O sábado todo o protagonismo será para o peche da Primeira División de fútbol. O Xetafe-Celta acapara a atención do fútbol galego e desde primeira hora da mañá no ‘Bos días’ haberá seguimento ao partido. O ‘Telexornal mediodía’ conectará co enviado especial ao Coliseum e xa nos ‘Deportes serán’ actualizase o marcador co balón en xogo. Outro equipo da TVG estará por Vigo, seguindo cos afeccionados todo o que suceda no terreo xogo. A partir das once da noite, cando remate a xornada, comenzará na G2 e en AGalega.Gal unha edición especial do programa ‘En Xogo’, para ofrecer o resumo máis completo, as opinións dos especialistas, a conferencia de prensa de Claudio Giráldez, as entrevistas aos xogadores máis destacados e, en caso de acceder a Europa, a festa que celebren os seareiros na praza de América. O Celta depende de si para acceder á Europa League da próxima temporada e necesita gañar ou repetir os resultados que fagan os seus perseguidores no Raio Vallecano-Mallorca e Alavés-Osasuna.
Durante a tarde do sábado, a G2 e AGalega.gal ofrecerán as finais do campionato galego de fútbol base desde Vilalba, entre as tres e media e as seis e media. As canteiras do Deportivo e do Celta estarán presentes, ademais de equipos punteiros como U. D. Ourense, Victoria e Val Miñor, entre outros. Ás sete principiará o decisivo Amorebieta-Club Deportivo Lugo, no que o cadro galego necesita a vitoria para certificar a permanencia matemática na Primeira RFEF e non depender doutros resultados na xornada unificada que pecha o campionato. O rival leva descendido semanas, pero así e todo está competindo e foi quen de sumar vitorias ante o Celta Fortuna e o Ourense CF nas últimas xornadas.
O domingo, a G2 e AGalega.gal estarán presentes no desenlace das semifinais polo ascenso á Segunda RFEF de fútbol. Ás doce, desde o municipal, Estradense e Noia xogarán por unha praza na final partido do resultado do empate a un gol no campo Julio Mato. Ás cinco chegará a outra eliminatoria entre a Sarriana e o Racing Vilalbés no terreo de xogo da Ribela. Aquí sae con vantaxe o equipo local, tras gañar o domingo pasado na Madalena. O ruído das motos volverá estar presente desta volta desde Francia, cunha nova proba do Mundial MXGP de motocrós e os tradicionais horarios europeos das dúas da tarde a primeira manga e a partir das cinco a segunda. Ás oito estará presente o baloncesto, co cuarto encontro da eliminatoria entre o Palencia e o Obradoiro.
O ‘En Xogo’ emitirá tamén o domingo a súa edición convencional de cada xornada, a partir das dez e vinte e cinco minutos da noite. Ademais do Xetafe-Celta tamén serán protagonistas o Zaragoza-Deportivo e o Rácing de Ferrol-Albacete, da Segunda División, xunto á última xornada da Primeira RFEF con este calendario: Amorebieta-Lugo Osasuna B-Ourense C. F., Real Sociedad-Celta Fortuna e Nástic de Tarragona-Arenteiro.