A G2 e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana, desde Castro Urdiales e Orio, a terceira xornada da Liga ACT de traiñeiras - CSAG
A G2 e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana, desde Castro Urdiales e Orio, a terceira xornada da Liga ACT de traiñeiras
O Gran Premio Hípico da Coruña, desde Casas Novas, tamén estará presente nas retransmisións deportivas da fin de semana

Santiago, 10.07.2026.- A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal dedican esta fin de semana unha ampla cobertura ás principais competicións de traiñeiras e de hípica.
A xornada do sábado principiará ás 17:15 h coa Liga ACT feminina, en que se disputa a Bandeira de Castro Urdiales, á que seguirá, ás 18:15 h, a categoría masculina, tamén desde augas cántabras. Tras as dúas primeiras probas do calendario, as embarcacións galegas comezaron a temporada nos postos baixos. Mentres Chapela é antepenúltima con 11 puntos, o equipo de Ares está afundido na última praza, con só 4.
A partir das 20:00 h, o protagonismo será para o Gran Premio de Hípica desde Casas Novas. O CSI 4* da Coruña é unha cita destacada do calendario hípico nacional e internacional e reunirá en Casas Novas algúns dos mellores xinetes españois de salto de obstáculos. Á fronte da representación nacional estarán os tres membros do equipo español que competiu nos Xogos Olímpicos de París 2024: Eduardo Álvarez Aznar, Sergio Álvarez Moya e Ismael García Roque, tres das figuras máis salientables do salto de obstáculos en España. Xunto a eles participarán algúns dos xinetes mellor clasificados do circuíto nacional, incluídos os catro integrantes do equipo que gañou a Copa de Nacións de Lisboa o pasado mes de maio: Jesús Garmendia, Kevin González de Zárate, Pilar Cordón e Pello Elorduy. A lista de participantes nacionais complétase con outros habituais do circuíto internacional, o que converte o CSI 4* de Casas Novas nunha oportunidade única para presenciar o mellor nivel da hípica española nun escenario de primeiro nivel.
O domingo pola mañá a atención centrarase na Bandeira de Orio, da Liga ACT de traiñeiras, coa regata feminina ás 11:15 h e a masculina, ás 12:20 h. Ao mesmo tempo, ás 12:00 h, AGalega.gal ofrecerá en directo a Liga Galega de Traiñeiras masculina A desde Bueu. Esta proba ofrecerase en diferido na G2 a partir das 14:00 h.
A fin de semana deportiva rematará coa xornada final da hípica de Casas Novas a partir das 16:45 h, en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal.