A Galega.gal supera o millón de usuarios - CRTVG
A Galega.gal supera o millón de usuarios
Antes de facer o primeiro ano de vida, a OTT segue marcando récords acadando en agosto o máximo histórico, ao situarse nun 2,8 % de cota de mercado
G24.gal medra ata o millón e medio de usuarios no que vai de 2024
As marcas da Galega en Facebook, TikTok, X, Instagram e YouTube crecen un 26 % con referencia a 2023 e superan os 400 millóns de impresións
Santiago, 27.09.2024.- AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, acaba de superar o millón de usuarios (1.096.845) en apenas 8 meses de vida. Neste tempo AGalega.gal chegou tamén a máis de 200 países, e segue situada no Top 20 das plataformas de España. Ademais, o mes pasado AGalega.gal marcou o seu máximo histórico, ao situarse nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, segundo o informe de SigmaDos30, subindo tres décimas con respecto ao informe anterior. Estes datos foron achegados polo director xeral da CRTVG este venres no Parlamento de Galicia, na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control aos medios públicos galegos.
Máis de 400 millóns de impresións
G24.gal, a web informativa, alcanzou no que levamos de 2024 un total de 1,5 millóns de usuarios activos, que xeraron 9 millóns de visitas. Máis da metade dos usuarios (790.000) acceden directamente á canle, o que é un importante baremo en termos de fidelidade.
En relación ás redes sociais, segue a expansión, e no que vai de ano as contas das cinco principais redes sociais (Facebook, TikTok, X, Instagram e YouTube) levan 416 millóns de impresións, o que supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, logrando unha interacción con más de 11 millóns de persoas.