div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A longametraxe da TVG 'Xustiza artificial, premio Celtic Media Festival 2025

A película é unha coprodución hispano-portuguesa con participación de Abano Producións e da TVG, e gañou na categoría ‘Single Drama’

A 46 edición do Celtic Media Festival celebrouse esta semana na vila inglesa de Newquay, en Cornualla 

Este galardón súmase o acadado polo reality ‘Pesca total’, que resultou gañador onte mércores do premio Celtic Media Festival na categoría de Factual Entertainment  

crtvg.gal 05/06/2025 21:25

Santiago, 05.06.2025.-    A longametraxe galega 'Xustiza artificial', coprodución hispano-portuguesa participada pola Televisión de Galicia alzouse este xoves co Premio Celtic Media Festival 2025 na categoría Single Drama (filme dramático). Recolleron o premio Fernando R Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada xefa de Contidos da TVG.

    O coruñés Simón Casal dirixiu e coescribiu este filme ambientado en Galicia, con especial protagonismo da cidade da Coruña. Protagonizado por Verónica Echegui, Alberto Amman, Tamar Novas e Alba Galocha, é unha coprodución hispano-portuguesa con participación de Abano Producións e da TVG. A cinta foi estreada en setembro de 2024.

    A 46ª edición do Celtic Media Festival celébrase esta semana na vila inglesa de Newquay, en Cornualla. Este festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualla e a Bretaña francesa.

É unha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a CRTVG establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. As producións da TVG compiten cada ano con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. 

Premio tamén para o reality da TVG ‘Pesca total’

Ademais deste galardón, onte mércores o reality da TVG ‘Pesca total’ foi premiado no certame a categoría de ‘Factual Entertainment’. Trátase dun programa creado pola produtora Outro para TVG, en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco ‘Praia de Sanxenxo’. Foi a segunda vez nos 40 anos de vida da canle pública que un programa de TVG de non ficción recibe un premio internacional, despois do acadado polo informativo de humor ‘Malicia noticias’ en 2022. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade