A noite máis trouleira do verán chega o mércores con 'A Superfesta', presentado por dous coñecidos Mozos de Arousa - CRTVG
A noite máis trouleira do verán chega o mércores con 'A Superfesta', presentado por dous coñecidos Mozos de Arousa
Bruno e Borjamina percorrerán cada semana as festas de Galicia e, ao final do verán, elixirase nunha gala a mellor celebración galega

Santiago, 9.7.2025.- ‘A Superfesta’ (22:45 h) é a nova aposta da TVG para os mércores deste verán. Coa participación estelar de Bruno e Borjamina, dous dos coñecidos Mozos de Arousa, o programa percorrerá as mellores festas de Galicia. Os Mozos de Arousa puntuarán, coa axuda das reporteiras deste divertido espazo, cada celebración. E ao final do verán, nunha emocionante gala, coñecerase a gran vencedora cos votos de toda a audiencia.
E como non podía ser menos, ‘A Superfesta’ comezará por todo o alto, vivindo no seu primeiro programa a Rapa das Bestas de Sabucedo, na Estrada. Bruno e Borjamina estarán presentes nun dos multitudinarios curros que se celebran en Sabucedo. Alí falarán cos aloitadores, gozarán do espectáculo entre o público asistente e coñeceran polo miúdo as tradicións que rodean unha celebración destas características. Tamén falarán coa prensa internacional e, como non, probarán o polbo e o churrasco e bailarán e cantarán coas charangas e os grupos tradicionais.
Ademais, as reporteiras axudarán os Mozos de Arousa a valorar esta festa como é debido. Para iso farán un repaso polo mellor da gastronomía da Estrada, irán buscar os cabalos nos montes de Sabucedo e estarán presentes nos concertos que fan desta Rapa das Bestas un evento único no mundo.
Ao final do programa os Mozos de Arousa puntuarán de cero a dez a gastronomía, as tradicións e a troula da Rapa das Bestas de Sabucedo. Cal será a nota final desta celebración? Será ‘A Superfesta’ do verán? Haberá que velo a finais de setembro, cando a todas as valoracións de Bruno e Borjamina se lle sumen as puntuación do público. Pero primeiro toca gozar de cada unha das festas e agora, en concreto, da maxia da Rapa das Bestas de Sabucedo cos Mozos de Arousa.