A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen este venres un especial 'Galicia en goles' co España-Bélxica do Mundial - CSAG
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen este venres un especial 'Galicia en goles' co España-Bélxica do Mundial
O programa dará cobertura ás concentracións dos afeccionados nas pantallas xigantes de Vigo, Santiago e A Coruña

Santiago, 9.7.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal emiten este venres un especial ‘Galicia en goles’ para retransmitir o partido dos cuartos de final do Mundial 2026 entre as seleccións de España e Bélxica. Lucía Junquera poñerase ao mando do equipo deportivo desde as sete e media da tarde e ata as doce da noite.
O choque enfronta dous combinados que chegan a esta rolda cun percorrido case perfecto. A selección española, dirixida por Luis de la Fuente, avanzou de menos a máis: estreouse cun empate sorprendente ante Cabo Verde (0-0), goleou a Arabia Saudita e superou a Uruguai grazas a un gol de Álex Baena, o que lle valeu o primeiro posto do seu grupo. Nos dezaseisavos impúxose con solvencia a Austria (3-0) e nos oitavos eliminou unha Portugal liderada por Cristiano Ronaldo (0-1). España chega a estes cuartos sen encaixar aínda ningún gol, apoiada nunha defensa sólida e no gran nivel baixo os paus de Unai Simón.
Pola súa banda, Bélxica completou tamén unha fase de grupos perfecta como primeira de sector, pero o seu camiño nos oitavos e dezaseisavos estivo marcado polo drama e a épica: remontou un 0-2 ante Senegal para gañar 3-2 na prórroga, e despois goleou por 1-4 a Estados Unidos nun partido precedido pola polémica arbitral arredor dunha tarxeta amosada a Folarin Balogun. Cos Diaños Vermellos de Rudi García, o combinado belga alcanza por cuarta vez na súa historia unha eliminatoria de cuartos de final.
España e Bélxica xa se enfrontaron en 23 ocasións ao longo da súa historia, aínda que o último precedente —un amigable en 2016— foi tamén a estrea de Julen Lopetegui e Roberto Martínez como seleccionadores dos seus respectivos equipos.
Pantallas xigantes na Coruña, Vigo e Santiago
O especial ‘Galicia en goles’ da Radio Galega sairá dos estudios centrais e despregará micrófonos nas prazas e lugares onde están instaladas as pantallas xigantes da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. A cidade herculina estréase neste campionato, pero na capital de Galicia será o terceiro partido aberto ao público no Monte do Gozo e Castrelos repetirá a experiencia tras o éxito do pasado luns.
Valerón e as xornadas de fútbol de Tui, protagonistas da previa
Antes do España-Bélxica, a Radio Galega conversará con Juan Carlos Valerón, de visita estes días na Coruña, para coñecer a súa análise do partido e as opcións de España nesta fase do Mundial.
Ademais, o equipo desprazarase ás xornadas de fútbol de Tui, onde participan tres nomes propios do fútbol galego e internacional: Claudio Giráldez, adestrador do RC Celta de Vigo; Jonatan Giráldez, técnico do Olympique de Lión feminino; e Borja Fernández, do CD Lugo. As súas avaliacións sobre a actualidade do fútbol galego e sobre o propio España-Bélxica completarán a previa antes de que comece a rodar o balón.
O Celta, pendente de Borja Iglesias
A expectación medra tamén entre a afección celeste despois de que Borja Iglesias debutase o pasado luns no Mundial, entrando nos últimos segundos do España-Portugal cando o marcador xa reflectía o 0-1 favorable ao combinado de Luis de la Fuente. O dianteiro do Celta, ata entón espectador nos catro primeiros partidos do torneo, sumou así os seus primeiros minutos nunha Copa do Mundo entre a ovación da bancada e a repercusión nas redes sociais. Coa clasificación para cuartos de final xa asegurada, moitos afeccionados celestes esperan agora que o Panda teña maior protagonismo fronte a Bélxica.