div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten este luns os partidos Málaga-Deportivo e Celta Fortuna-Andorra

‘Galicia en goles’ ofrecerá este luns, de sete e media da tarde a doce da noite, a retransmisión dos partidos Málaga-Deportivo e Celta Fortuna-Andorra, a través da FM da Radio Galega e da plataforma AGalegaAudio.gal

csag.gal 24/08/2026 00:01

Santiago, 24.8.2026.-    O Deportivo visita La Rosaleda para medirse cun Málaga que, coma os coruñeses, subiu de forma directa a Primeira División a pasada temporada. Os dous clubs regresan á categoría despois dunha longa travesía –oito anos de ausencia no caso do conxunto galego– e afrontan agora a súa segunda xornada ligueira sen coñecer a vitoria. 

O Deportivo estreouse na elite con empate a un en Riazor fronte ao Elx, nunha noite marcada pola estrea goleadora de Pierre-Emerick Aubameyang, que adiantou aos herculinos aos 21 minutos cun remate de zurda tras un pase en profundidade de Amatucci. Marc Aguado, de cabeza, igualou o marcador na segunda metade.

O Málaga, pola súa banda, caeu por 2-0 no Metropolitano ante o Atlético de Madrid, nun partido que se mantivo igualado ata que Kang-in Lee (70') e Álex Baena (85') decantaron o encontro a favor dos madrileños na recta final. 

O conxunto de Antonio Hidalgo protagonizou un dos mercados de fichaxes máis intensos da categoría no seu regreso a Primeira. O nome propio foi o de Aubameyang, procedente do Olympique de Marsella, ao que se sumaron o porteiro Leo Román, o centrocampista Lorenzo Amatucci, o mediapunta Jonathan Asp Jensen, o central Bright Ede, o media Teun Gijselhart e a cesión do lateral Angeliño.  

O rival desta noite, mentres, marcou como prioridade manter o bloque que logrou o ascenso. As principais incorporacións foron o central Fernando Calero e o lateral esquerdo José Salinas, ademais da renovación de Einar Galilea. 

O Celta Fortuna recibe en Balaídos ao Andorra

Antes de que rode o balón na Rosaleda, o ‘Galicia en goles’ estará pendente de Balaídos, onde Celta Fortuna e Andorra afrontan a segunda xornada da Segunda División. O filial celeste vive a súa primeira campaña na categoría de prata da súa historia e chega a este compromiso despois de sumar o seu primeiro punto como visitante no Mirandilla, nun empate sen goles ante o histórico Cádiz. O rival, o Andorra, chega lanzado tras golear por 5-1 ao Ceuta na primeira xornada, resultado que o sitúa entre os equipos máis en forma do arranque ligueiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade