A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten o venres o Reus-Liceo por unha praza na final de hóckey a patíns - CRTVG
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten o venres o Reus-Liceo por unha praza na final de hóckey a patíns
O sábado e o domingo destacan as fases de ascenso de fútbol e fútbol sala

Santiago, 05.06.2025.- O ‘Galicia en goles’ da Radio Galega continúa durante o mes de xuño cunha ampla programación deportiva, que chega á audiencia a través da FM, a plataforma AGalegaAudio.gal e a canle de YouTube para aqueles que queiran presenciar a emisión visual. O venres, a partir das oito e media da tarde, Roberto Carlos Carballo conduce a retransmisión do terceiro partido da semifinal pola liga de hóckey a patíns entre o Reus e o Liceo. O equipo coruñés chega á pista catalá coa opción de sentenciar a eliminatoria nesta terceira cita, despois de gañar por penaltis o primeiro punto e de golear no segundo por un contundente 4-0. O programa, ademais, estará na primeira xornada do Rally de Pontevedra, puntuable para o campionato galego.
O sábado, desde as dúas e media da tarde e ata as doce da noite, a atención estará posta na fase de ascenso á Segunda RFEF, co desenlace da final galega no Municipal da Estrada. Alí, o equipo local está obrigado a igualar o 2-0 que encaixou a semana pasada na Ribela fronte á Sarriana. Ao quedar mellor clasificado na competición regular, o Estradense válelle con gañar por dous goles ao remate da prórroga, evitando así o desempate dos penaltis. Os torneos de fútbol base que organizan Míchel Salgado en Vigo e a Sociedade Deportiva Calo son outros argumentos da tarde, xunto ao Gran Premio dos Cantóns da Coruña e a xornada de fútbol sala.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto do mediodía co ciclismo de montaña na localidade ourensá de Muíños, ademais do congreso de adestradores programado pola Federación Galega de Fútbol en Xinzo da Limia. A partir das dúas e media, a sesión de tarde xirará arredor da última xornada da Liga das Nacións, a fase de ascenso á Terceira RFEF co Cambados-Beluso e o Atios-Céltiga, ademais das finais da Copa da Costa nas que os clubs son os mesmos tanto na categoría feminina como na masculina, Dumbría e Muxía. O fútbol sala tamén terá cobertura, xa que comeza na Malata a final de ascenso á Primeira División entre o Parrulo e o Málaga. A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para analizar a actualidade do fútbol galego, mergullado xa na planificación do próximo exercicio.
#GaliciaEnXogo
O sábado, de once a doce da noite, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará presente na Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal con dous espazos especializados. O primeiro, dedicado ao mundo do motor, contará cos principais protagonistas do Rally de Pontevedra. O segundo, reservado aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles, repasará a actualidade semanal dos deportistas galegos que traballan a longo prazo para a cita do 2028.