A Radio Galega emite na madrugada do venres ao sábado un especial ‘Galicia en goles’ co España-Uruguai do Mundial - CSAG
A Radio Galega emite na madrugada do venres ao sábado un especial ‘Galicia en goles’ co España-Uruguai do Mundial
Na fin de semana o programa dará cobertura ao comezo da Liga Galega de Traiñeiras, o All Star de fútbol de Lugo e os torneos base de Vigo e Taragoña

Santiago, 25.6.2026.- A madrugada do venres ao sábado vai estar marcada na grella da Radio Galega e de xeito excepcional por un partido de fútbol. A selección española pecha a primeira fase contra Uruguai, nunha cita de máxima tensión no Grupo H que se disputa en horario nocturno no noso país. O ‘Galicia en goles’ poñerase en marcha a unha e estará na antena ata as catro, hora en que arrancará o habitual ‘A boas horas’. A selección que dirixe Luis de la Fuente chega a cidade mexicana de Guadalajara como líder tras golear a Arabia Saudita por 4-0, con dobrete de Mikel Oyarzabal e o primeiro gol de Lamine Yamal no torneo. Mentres, Uruguai é segundo e necesita sumar os tres puntos para non depender do que pase no Cabo Verde-Arabia Saudita.
O sábado, xa no horario habitual de dúas e cuarto da tarde a doce da noite, o deporte galego xirará arredor da homenaxe a Sergio Prego ‘Doro’ en Fontenla. O histórico futbolista da Costa da Morte recibirá o recoñecemento da súa comarca nun partido entre os veteranos do Xallas e as Lendas do Real Madrid. Tamén haberá espazo para a sexta edición do All Star Futbolinlugo, que este ano viaxará ao campo de O Acebreiro, na Pastoriza, cunha xornada que reunirá ao fútbol da provincia de Lugo en dous partidos e varias actividades abertas ao público.
Outro dos eventos do día é o comezo da Liga Galega de Traiñeiras 2026 coa Bandeira Cidade de Narón, primeira das once xornadas da Liga A. Por último, o concello de Pereiro de Aguiar acolle o XXXVI Campionato Xunta de Galicia de Atletismo na categoría sub-23 e os micrófonos da Radio Galega recollerán as impresións dos novos valores deste deporte.
Xa o domingo, a edición matinal atenderá desde as doce do mediodía ao ciclismo adaptado en Carballo. O Atlantic Paracycling Challenge, proba internacional de Clase 1 puntuable para o ranking da UCI, celebra a súa xornada de contra o reloxo individual nas modalidades de handbike, triciclo, tándem e bicicleta. Outro punto de directo será o torneo Vigo Cup de fútbol base.
A partir das dúas e cuarto, o ‘Galicia en goles’ estará en antena ata a medianoite con conexións con Mougás para dar conta do I Gran Premio de Pump Track Concello de Oia, proba puntuable da Copa Galicia. Haberá seguimento tamén do torneo de fútbol base de Taragoña e o programa acollerá toda a cobertura do Mundial 2026 coa primeira entrega dos dezaseisavos de final.
O prato forte da tarde chega coa estrea da selección española sub-19 no Campionato de Europa de Gales. España xoga o partido inaugural contra a selección anfitrioa nun grupo A que completan Dinamarca e Alemaña. O torneo ten como premio extra que os catro semifinalistas accederán ao Mundial Sub20 de 2027.
#GaliciaEnXogo
Ao remate da xornada de retransmisións chegará, contra as once da noite, o tempo que o ‘Galicia en goles’ dedica ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Desta volta, Rodrigo Pérez actualizará todo o que aconteceu durante a fin de semana no Gran Premio de Portugal de motocrós, coa participación do vigués Rubén Fernández. Xa ás once e media, Toni López poñerá en valor o traballo dos nosos deportistas que chegan ao ecuador da preparación para os Xogos Olímpicos programados para o verán do 2028 nos Ánxeles.