A Radio Galega lánzase ao verán con novas voces, formatos frescos e moita creatividade sonora - CRTVG
A Radio Galega lánzase ao verán con novas voces, formatos frescos e moita creatividade sonora
A programación estival comeza hoxe cunha oferta renovada que mestura información, entretemento e innovación
‘A pleno sol’, con Victoria Rodríguez, propón novas miradas sobre Galicia nas fins de semana
‘Galicia por diante’, ‘A tarde’ e os contidos nativos dixitais acompañarán a audiencia durante todo do verán

Santiago, 30.6.2025.- A Radio Galega estrea este luns 30 de xuño a súa programación de verán, cunha oferta renovada e variada que combina información, entretemento e innovación sonora. A temporada estival chega cargada de novas voces, formatos frescos e contidos pensados para acompañar a audiencia durante os días máis longos do ano.
Fin de semana con ‘A pleno sol’ e novas miradas sobre Galicia
A xornalista Victoria Rodríguez estrea o programa ‘A pleno sol’, que se emitirá nas fins de semana, tamén a través de AGalegaAudio.gal. Trátase dun espazo que mestura entrevistas, reportaxes e seccións de colaboración sobre temas culturais, sociais e humanos. A proposta convida a explorar Galicia desde perspectivas distintas, dándolle voz a persoas e historias que constrúen a nosa identidade desde lugares sorprendentes. Un convite a mirar e escoitar con calma e atención.
As mañás seguen co espírito do país en ‘Galicia por diante’
De luns a venres, a partir das 6:00 da mañá, ‘Galicia por diante’ continuará sendo a referencia informativa para os madrugadores, con cobertura do que acontece ‘onde estás ti’. O programa mantén as colaboracións de Xosé Manuel Budiño, Vicente Feijoo e do mestre estadounidense de corazón galego, Andy Chichester. O humor tampouco faltará grazas a ‘A bóla extra’, con Carla Núñez, Marcos López de ‘Todo mal’ e Leti da Taberna.
Polas tardes, frescura e bo humor con ‘A tarde’
Desde as 15:00 h, ‘A tarde’ toma a remuda con contido distendido e refrescante. Regresan as personaxes máis queridas: Virtudes ‘A repunante’ cos seus comentarios agudos, o doutor Norberto Proupín coas súas recomendacións médicas, Maximino Pérez en clave de seguridade viaria, Ana Camiño coa súa consulta legal e os trucos de Nuska Chousa para coidar a horta. Todo isto acompañado de novas seccións e moitas sorpresas.
Programación dixital e creativa para as tardes e fins de semana
Á oferta de tardes sumaranse os programas nativos dixitais ‘Startup Galicia’ e ‘A mirada económica’, os luns; ‘O discóbolo’, os martes; ‘Satélite Xabarín’, os mércores; ‘Na fin do xogo’, os xoves, e ‘Un ollo de vidro’, os venres. Nas fins de semana, ‘Movendo os marcos’ achegará o mundo do deseño feito en Galicia ou por galegos e galegas que proxectan o seu talento desde aquí cara ao mundo.
Un verán para viaxar, escoitar e gozar na Radio Galega
A nova programación da Radio Galega convida á audiencia a viaxar, a rir, a reflexionar , a descubrir, mantendo sempre o seu compromiso coa identidade, a cultura e a innovación en galego. Un verán cheo de historias que te acompañan… onde estás ti! Porque todos os contidos da Radio Galega podes escoitalos cando queiras e onde queiras en AGalegaAudio.gal. Unha plataforma de audio intuitiva, gratuíta e fácil de manexar cos mellores contidos e programas nativos dixitais da Radio Galega.